DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello organiza con Woman Emprende a I edición da Feira de Emprendedoras de Compostela

09/05/2019 A Concellaría de Desenvolvemento Económico organiza co programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela a I Feira de Emprendedoras de Compostela, dedicada ás mulleres que emprenden no sector artesanal. Esta feira nace co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna.

Nesta I edición a temática e o sector escollido é o sector artesanal, no que se traballan valores asociados á creatividade, ás profesións, ao impacto social e medioambiental dun xeito compatible coa creación de empresas innovadoras, ligadas ao sector tecnolóxico e viables economicamente, pero poñendo no centro das organizacións ás persoas, tanto como produtoras como consumidoras.

A primeira parte da feira é unha sesión interna formativa, dirixida ás mulleres que emprenden, e que precisan de ferramentas que as acheguen á unha axeitada comunicación empresarial para acadar o maior número de venta posible, contando a paixón, capacidade e coñecemento que se emprega na elaboración dos mesmos para transmitir que os seus produtos son únicos.

A continuación abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira, con stands nos que as artesás amosen e expliquen os seus produtos. Será un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes poidan apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles. Búscase tecer unha rede de colaboración tanto entre ás artesás participantes, como entre toda a cidadanía, que rache o concepto erróneo e estereotipado sobre produtos e servizos elaborados nos talleres, e aprecie o valor engadido dos mesmos.

Tamén desfrutaremos dun momento para aprendizaxe e o debate entre mulleres que teñan unha longa traxectoria empresarial no eido artesanal, con mulleres que se inicien nesta actividade e a están expoñendo como modelo de vida no que abordaran temas como a corresponsabilidade, venta on line, a interxeracionalidade ou o consumo responsable.

Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com).

As persoas interesadas en participar nas accións formativas de horticultura biolóxica poderán inscribirse a través dos teléfonos 900 100 981 ou 881 815 561, o da dirección de correo iria.fontela@usc.es.

Compartir: