CENTROS CÍVICOS

"Vive o Verán" chega a cinco centros cívicos urbanos e catro parroquias para facilitar a conciliación nas mañás de xullo

08/05/2019 A Concellaría de Centros Cívicos volve poñer en marcha o programa Vive o Verán para favorecer a conciliación no mes de xullo e tamén, por primeira vez, no mes de agosto. O Departamento oferta 150 prazas para participar nas actividades, que se desenvolverán en cinco centros urbanos, e outras 100 prazas en centros do rural de Compostela. O prazo de preinscrición está aberto dende hoxe mércores ata o 23 de maio.

A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe o programa Vive o Verán, que "ofrece actividades nas mañás do mes de xullo nos centros cívicos, pensadas para que a rapazada dos barrios e tamén das parroquias poidan gozar do seu tempo libre e para que as familias compostelás poidan conciliar e organizar os tempos vacacionais". O proxecto desenvolverase de luns a venres, e as actividades previstas "promoverán valores como a igualdade, a solidariedade, o recoñecemento da cidade e os valores cívicos". Así, haberá propostas relacionadas coas actividades plásticas, teatro e expresión corporal, xogos populares, ou deportes, dirixidas por monitores e monitoras especializados.

Cinco centros cívicos urbanos
O programa Vive o Verán desenvolverase en cinco centros cívicos urbanos de Compostela, en cada un deles con actividades pensadas para un grupo de idade concreto. Así, no José Saramago de Vite ofértanse 30 prazas para nenos e nenas de 6 a 12 anos; nas Fontiñas haberá outras 30 prazas para a franxa de 5 a 8 anos; e no Aurelio Aguirre de Conxo e máis no Centro Cívico do Ensanche, as actividades están dirixidas a nenos e nenas de 7 a 12 anos, con 30 e 20 prazas respectivamente. No Centro Cívico de Santa Marta haberá dous grupos con 20 prazas, un para nenos e nenas de 4 a 6 anos e outro para a franxa de 7 a 9 anos.

As actividades desenvolveranse en horario de 10:00 a 14:00 horas, con posibilidade de horario de acollida dende as 8:00 ata as 15:00 horas. O prazo para realizar a preinscrición estará aberto dende hoxe 8 de maio ata o próximo día 23. Se houbera máis solicitudes que prazas dispoñibles, realizarase un sorteo automático o 31 de maio. A partir do 4 de xuño publicarase a lista de admisións, e as matrículas deberán formalizarse do 6 ao 15 de xuño.

A inscrición pódese facer por mes completo, cun prezo de 80 euros; ou por quincenas, que custarán 40. Ademais, haberá descontos para segundos fillos ou para familias numerosas, monoparentais ou situacións de desemprego.

Centros do rural
O programa Vive o Verán chegará tamén a catro centros cívicos do rural, onde se desenvolverán actividades centradas na promoción da igualdade, baixo o lema "Nomes diferentes, oportunidades iguais". Serán propostas pensadas para desenvolver os conceptos de xénero, coeducación ou igualdade de oportunidades, co obxectivo de que os nenos e nenas tomen conciencia da súa identidade, rachen con estereotipos de xénero e favorezan un modelo de convivencia máis igualitario.

O programa está dirixido a nenos e nenas nacidos entre 2007 e 2014 e ofertaranse 20 prazas no Centro Cívico de Nemenzo, 30 na Gracia, 20 prazas en Figueiras e 30 no centro de Marrozos.

As actividades serán nas mañás de xullo, de luns a venres e en horario de 9:30 a 14:30 horas, e os prazos de preinscrición e matrícula son os mesmos que para as actividades nos centros urbanos.

Agosto na carballeira de San Lourenzo
O programa Vive o Verán complétase por primeira vez cunha proposta para o mes de agosto: "Ven á carballeira de San Lourenzo!". Trátase dunha actividade, de balde, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos, que se desenvolverá nas mañás do mes de agosto, agás os días festivos, en horario de 11:00 a 13:30 horas. Ao seu abeiro haberá actividades lúdico-educativas pensadas para o descubrimento do espazo natural, nun emprazamento singular como é a carballeira de San Lourenzo.

Neste caso, as preinscricións poden realizarse a través do correo electrónico viveoveran@santiagodecompostela.gal. Haberá un máximo de 20 prazas para cada xornada.

Compartir: