ALCALDÍA

Arrinca a II Festa do Banquete coa celebración do pequeno banquetiño por parte de escolares do Quiroga Palacios

02/05/2019 Comezan as celebracións da II edición da Festa do Banquete, que reunirá no barrio de Conxo a centos de persoas durante esta fin de semana. Os primeiros en participar destas actividades serán os escolares do CEIP Quiroga Palacios, acompañados do Colexio Plurilingüe Pepe Xan Baña de Santa Comba.

A partir das 11:00 horas realizarán unha representación teatral que leva por nome "O Pequeno Banquete" e que busca retratar, cos nenos e as nenas, aquel mítico xantar na carballeira o 2 de marzo de 1856. Ademais da participación de Os Quinquilláns, os/as escolares realizarán unha acción pedagóxica partindo da unidade didáctica elaborada polo Concello e sobre a que traballaron nos centros. Ambas actividades veñen acompañadas da interpretación da canción "Ti e eu", da Banda da Loba, que ensaiaron e gravaron en vídeo nos colexios.

As accións deste 3 de maio continúan pola tarde cunha xincana xuvenil polos sendeiros do Sar organizada polo Club Mozo de Conxo e a Asociación Xuvenil Itaca, que leva por nome "A aventura das sete landras". Será ás 18:00 horas e a inscrición pode facerse no Centro Cívico de Conxo. Alí mesmo, ás 19:00 horas, terá lugar un obradoiro de cantos de taberna que servirá de preludio aos "Cantares de Conxo", cantos de taberna nos bares do barrio a partir das 21:00 horas. Serán na taberna do Psiquiátrico, Pulpería Fuentes, Bar O Caimán, Bar A Chara, Bar-Restaurante A Pajueleira, Bar Piñón, Bar Noya, Bar Os Mallos, Bar Orpheus e Bar Marló.

Unidade didáctica
Co gallo da celebración do Banquete, o Concello de Santiago elaborou unha unidade didáctica para alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria que explica o Banquete de Conxo da man dunha personaxe que leva por nome Maruxa "A Cacheirana". Na publicación tamén se explican os cambios acontecidos no conxunto do Estado, en Galicia e en Compostela durante o século XIX, dando conta do modo de vida da cidade, que fundamentalmente estaba asentado no medio rural, na educación e no eido sanitario. Ademais dáse conta de que foi nese século XIX cando se construíron prazas emblemáticas de Compostela como a praza de Abastos (1870) ou o parque da Alameda (1835).

Na unidade didáctica inclúense diversas actividades, como sopas de letras, preguntas sobre o contido exposto, etc., co obxectivo de que os/as escolares poidan aprender máis sobre o Banquete de Conxo. Tamén se incorporan varios dos brindes poéticos que os participantes daquel evento en 1856 tiveron ocasión de recitar. Foi elaborada polos historiadores Yolanda Seoane e Roberto Aboal, da empresa compostelana Tictura.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: