MEDIO AMBIENTE

O Concello distribuirá ecovasos na Festa do Banquete, na primeira acción para "termos uns eventos máis sustentables"

02/05/2019 O Concello vén de editar unha Guía de Eventos Sustentables, que será tida en conta nos actos que se celebren en Santiago co obxectivo de reducir a xeración de residuos e de xestionalos dunha maneira máis responsable. A Guía xa se está a aplicar na organización da Festa do Banquete, que se celebrará dende mañá ata o domingo.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe a Guía de Eventos Sustentables, "un documento que pretende minimizar os impactos ambientais negativos dos actos que se celebren en Santiago". Xan Duro explicou que o obxectivo da publicación é "introducir a sostibilidade como criterio de organización dos eventos que dependan do Concello, centrándose na prevención, redución e xestión responsable dos residuos". Para iso, a Guía recolle recomendacións para todas as fases do desenvolvemento dun evento, dende a súa planificación ata a súa posterior avaliación, "de xeito que en cada unha destas etapas se tomarán decisións baseadas na responsabilidade ambiental".

Xan Duro salientou que a Guía "aposta pola filosofía da economía circular no referente ao consumo de materiais e á xestión de residuos, tratando de dar aos produtos a máxima vida útil posible". Ademais, "tratarase de maximizar a recollida selectiva no marco dos eventos, e apostarase por unha limpeza do espazo público máis respectuosa co medio ambiente".

Festa do Banquete
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que a Guía de Eventos Sustentables aplicouse inicialmente na II Edición da Festa do Banquete, que se celebra dende mañá ata o 5 de maio. Xan Duro explicou que unha das medidas máis visibles será a distribución gratuíta de "ecovasos", que cada quen poderá levar para a casa para reutilizar noutros eventos, ou que serán retirados polo Concello para a súa reutilización. Está previsto o reparto de 4.000 unidades destes vasos. Ademais, o edil apuntou que "este ano eliminarase o plástico tamén nos pratos nos que se serven as racións de cabra".

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que na Festa do Banquete apostarase tamén pola recollida selectiva de residuos. Ademais, aproveitarase este evento para informar á veciñanza das medidas que se poden adoptar para "contribuír ao obxectivo de termos uns eventos máis sustentables e menos xeradores de residuos".

Documentos relacionados



Compartir: