FUNDACIÓN GRANELL

Arte popular relixiosa na Colección Eugenio Granell

06/02/2007 A Fundación Eugenio Granell presenta unha pequena escolla de arte popular relixioso, feito por persoas anónimas. Forma parte da colección de arte étnica que Eugenio Granell foi facendo ó longo da súa vida. A arte popular é tida en grande consideración polo movemento surrealista, e por suposto por Granell.

O interese das pezas desta mostra, ademais da súa beleza formal, está na equiparación que o coleccionista fai entre representacións artísticas que deveñen do fervor relixioso de culturas diferentes. Granell transcende na súa ollada da arte popular a función relixiosa destas representacións, e rescata os valores plásticos das pezas, xa que lle interesa calquera representación da espiritualidade humana, pertenza ao credo que pertenza, neste caso á fe católica.

Nesta mostra atópanse esculturas de pequeno formato, na súa maioría tallas de madeira e cerámica, representando a santos cristiáns como San Antonio, San Nicolás de Vari, Santa Rosa de Lima ou Santa Ana, ou a personaxes bíblicos como Adán e Eva, e diferentes iconografías da Virxe María. A exposición tamén conta con unha virxe abrideira de Salamanca, varios Nacementos e mesmo exvotos. As pezas proceden de diferentes lugares de España e Portugal, de países Latinoamericanos como México, Perú, ou Porto Rico, ou lugares como Filipinas.

Compartir: