MOCIDADE

O 2 de maio bota a andar a segunda edición de "Hortalíza-TE", que formará a mocidade no coidado de hortas urbanas

23/04/2019 Xa está todo listo para a segunda edición da actividade Hortalíza-TE, unha das máis votadas nos últimos dous procesos de orzamentos participativos de Mocidade. Da acción, que botará a andar o vindeiro 2 de maio, deron conta hoxe a concelleira de Mocidade, Noa Morales, e a coordinadora da actividade, María Luz Eyo.

Trátase dun curso de horta para a mocidade de Santiago, con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que se celebrará no Centro Xove da Almáciga e nunha das hortas situadas a carón da instalación. Este proxecto pasa por ofrecer unha formación amena, de produto local, de tempada e moi valiosa sobre como xestionar a horta propia dende o caso práctico das hortas da Almáciga.

Hortalíza-TE vén acompañada da realización dun vídeo cos avances paso a paso da hortiña que se poderán ver nas redes sociais. A actividade comeza a pé de horta o vindeiro xoves 2 de maio, sendo a formación teórico-práctica os mércores de 17:00 a 19:00 horas. A proposta pasa porque dous docentes colaboren cos/coas participantes na xestión de dúas hortas na zona da Almáciga, unha dedicada a produto de tempada e outra a reserva de inverno. Grazas a isto, "a mocidade irá aprendendo técnicas e habilidades para xestionar as súas propias hortas no futuro en Compostela, que conta con case 300 de titularidade municipal", segundo indicou a concelleira Noa Morales.

A proposta combina formación teórica mínima con moitísima práctica na propia horta. Terá unha duración do mes de maio a outubro, estendéndose durante o verán, e adaptándose á climatoloxía e ás diferentes estacións do ano. Ofrécense un total de 15 prazas, 3 delas reservadas para alumnos e alumnas que participaran na primeira edición. A inscrición, aberta a partir desta tarde, é de balde ata que se completen as prazas ofertadas.

Luz Eyo fixo balance da primeira edición da actividade, que cualificou como "un proxecto enriquecedor que entusiasmou á mocidade". Nesta ocasión contarase cunha horta máis, que "permitirá realizar outro tipo de cultivos". Ademais, os mozos e as mozas aprenderán como conservar os produtos que planten, xa sexa mediante conservas ou vía conxelación. A actividade vén acompañada da aprendizaxe sobre os usos de insecticidas ou abonos ecolóxicos.

Compartir: