CENTROS SOCIOCULTURAIS

A historia chega a Villestro

06/02/2007 O Centro Sociocultural de Villestro acollerá dende o mércores 7 a terceira exposición das organizadas dentro do proxecto "A historia vai por barrios". Trala Trisca e A Rocha, recupérase agora a memoria histórica dun barrio rural cunha longa historia e de singular transcendencia para o desenvolvemento da cidade.

A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, presentou esta nova exposición, cun formato semellante ás anteriores: ilustracións, textos e un bo número de obxectos achegados polos veciños. Tal como sinalou, escolleuse Villestro "pola súa importancia histórica e arqueolóxica, e por sen un barrio cun carácter rural que aínda persiste pero ao mesmo tempo en plena transformación".

Villestro conserva algúns dos testemuños máis remotos da vida en Compostela. Alí viviron durante séculos xentes vinculadas á terra, que provían de alimentos á cidade. O barrio tamén foi escenario de manifestacións, como as confrarías relixiosas ou as sociedades agrarias, que lles axudaron na busca dun futuro máis próspero.

Ademais da propia exposición, programáronse diversas actividades, co obxectivo fundamental de fomentar o intercambio xeracional e o coñecemento da historia. Así, desenvolveranse obradoiros de memoria ou de xornalismo, recuperaranse comidas ou xogos tradicionais e realizarase un concurso narrativo co título "Villestro: unha historia que contar".

De xeito paralelo a esta nova mostra, continúan abertas ao público as dúas anteriores, que agora empezaron a rotar, outra das fins do proxecto. Así, a Trisca acolle a exposición da Rocha e viceversa. Foméntase, ademais da propia dinamización dos centros socioculturais, a creación de espazos de relación entre os veciños de Compostela.

Compartir: