MEDIO AMBIENTE

A veciñanza da Gracia empeza a participar no programa municipal de compostaxe doméstica

12/04/2019 A parroquia da Gracia vén de incorporarse ao programa de compostaxe doméstica impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, e que acaba de iniciar a súa segunda fase. O concelleiro Xan Duro participou onte na entrega dos composteiros ás familias participantes.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia estivo onte na Gracia, na entrega dos composteiros ás familias que veñen de inscribirse para participar na segunda fase do programa de compostaxe doméstica, iniciado o ano pasado pero que chega por primeira vez a esta parroquia. A día de hoxe, xa son unha vintena as familias que se sumaron á iniciativa,

Nesta segunda fase tamén se ampliou o número de participantes nas parroquias de Figueiras, Grixoa, Laraño e Villestro, e estendeuse o programa á Sabugueira. O obxectivo é chegar ás 200 implicadas. Como novidade, nesta fase habilitarase unha app para que a Concellaría mellore o seguimento do programa, teña os composteiros xeolocalizados, e tamén para saber en que fase do proceso de compostaxe se atopa cada un deles. As familias participantes recibirán formación práctica por parte de Adega e o material preciso para compostar.

Campaña polo bo uso dos contedores
A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia tamén vén de poñer en marcha unha campaña para sensibilizar á cidadanía sobre o bo uso dos contedores do lixo, e máis en concreto do que debe utilizarse para o "resto", aqueles desperdicios que non son reciclables. O Departamento impulsou a colocación duns adhesivos nos colectores nos que que se advirte que todo o que sexa depositado neles será incinerado, e se explica que obxectos deberan ir aos outros contedores de recollida selectiva.

Compartir: