XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto da zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta

12/04/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto da zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta, unha actuación derivada do proceso dos orzamentos participativos Compostela Decide 2018. A actuación suporá un investimento de case 137.000 euros.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "o barrio de Santa Marta dispón de pistas deportivas ao aire libre, pero non dun espazo cuberto de uso público no que a veciñanza poida desenvolver actividades de lecer diversas". A zona cuberta de usos múltiples ocupará unha superficie dalgo máis de mil metros cadrados, e estará localizada ao carón do centro cívico do barrio, contigua ao parque infantil e ás canchas deportivas existentes. O desnivel que separa a zona cuberta da área de xogos quedará solucionado cunha forma escalonada en forma de grada. Ademais, o proxecto prevé o posterior tratamento como espazo axardinado do resto da parcela.

O proxecto da zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta ten un orzamento de licitación de 136.791 euros e un prazo de execución de dous meses.

Aparcadoiro da Sionlla
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou unha addenda ao convenio asinado entre o Concello e a mercantil Visecorsa para o financiamento do aparcadoiro municipal da Sionlla. O alcalde explicou que o acordo "ten como obxectivo atender os custos derivados da modificación do proxecto do estacionamento, aprobada no pasado mes de febreiro para atender á necesidade de incrementar en 20 centímetros a capa de zahorra artificial prevista na zona leste da parcela". Esa actuación suporá un sobrecusto de case 35.000 euros que, segundo a addenda aprobada, será asumido por Visecorsa. É a mercantil quen financia a totalidade das obras de construción do aparcadoiro, con case 400.000 euros.

Cidade da Raqueta
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a modificación puntual do Plan Especial para o desenvolvemento do sistema xeral de equipamento deportivo da área deportiva de San Lázaro. Trátase do tramite necesario para poder desenvolver o proxecto da Cidade da Raqueta. A modificación estará sometida a información pública durante o prazo de dous meses.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: