CENTROS CÍVICOS

Os Cantos de Taberna chegan este venres á cidade histórica

11/04/2019 O ciclo de Cantos de Taberna impulsado pola Concellaría de Centros Cívicos volve mañá venres, e faino á cidade histórica. O programa, que se desenvolve da man da asociación Muiñeiros do Sarela, contará tamén desta vez coa participación da agrupación Vento Mareiro de Moaña.

A xornada de Cantos de Taberna segue o mesmo esquema de citas anteriores, cun obradoiro de cantos primeiro e co percorrido posterior polos establecementos de hostalería. Así, a partir das 18:30 horas terá lugar o obradoiro, na aula gastrocultural da Praza de Abastos e dirixido por Alexandre Cadarso, membro dos Muiñeiros de Sarela e autor do libro Cantigas de Taberna, que recolle máis dun cento de cantos populares e partituras.

A partir das 21:00 horas, as persoas que participen no obradoiro de cantos iniciarán, en dous grupos, o roteiro polos establecementos de hostalería da rúa do Franco, da Raíña, do Vilar e San Clemente. Está confirmada a participación de seis establecementos: Cotolay, A Fuego Lento, O’42, O Celme, ACDC e María Castaña.

O programa Cantos de Taberna naceu co obxectivo de recuperar esta tradición da cultura popular galega, que tivo o seu momento de esplendor nos anos 60 e que nos últimos anos se vén retomando en moitas cidades galegas, da man de agrupacións vinculadas á música tradicional. Deste xeito, apóstase por recuperar un repertorio musical, que tamén forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia.

Compartir: