CENTROS CÍVICOS

En marcha os "Espazos das Familias" nos centros cívicos

11/04/2019 Xa están en marcha, por segundo curso, os Espazos das Familias, organizados pola Concellaría de Centros Cívicos en colaboración coa Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy. As familias participantes celebraron onte unha xornada de encontro, no local social de Nemenzo.

Os Espazos das Familias desenvólvense nos locais sociais de Nemenzo, Sar e Santa Marta, co obxectivo de que as familias reflexionen conxuntamente sobre a experiencia da crianza, resolvan as dúbidas sobre a educación dos fillos e fillas, e compartan con eles un tempo de lecer e formación. Tamén se pretende promover a igualdade de oportunidades entre a veciñanza de diferentes ámbitos de Compostela, e de aí que as sesións se desenvolvan tamén nunha parroquia do rural.

A iniciativa desenvólvese da man da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, unha entidade sen ánimo de lucro conformada por extraballadores e extraballadoras da desaparecida Fundación Preescolar na Casa. No curso pasado, nas sesións participaron un total de 29 familias. O grupo máis numeroso foi o de Sar, con 15 familias participantes.

Compartir: