EDUCACIÓN

Visitas guiadas para introducir aos máis novos no mundo da arquitectura

05/02/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, en representación do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o decano-presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, veñen de asinar un convenio de colaboración para a posta en marcha de visitas guiadas pola cidade para os escolares composteláns.

O convenio asinado no Pazo de Raxoi ten por obxecto establecer as condicións de cooperación entre o COAG e o Departamento de Educación e Mocidade do Concello para ofrecer aos centros unha visita guiada de arquitectura e cidade en Santiago, destinada ás etapas de educación obrigatoria e integrada dentro do Proxecto Terra e do programa Vivir Santiago, do que son titulares o COAG e a entidade municipal, respectivamente. O obxectivo é introducir ao alumnado galego no mundo da arquitectura, da súa ordenación integrada no territorio e do seu impacto na calidade de vida da poboación. Ambas as partes poderán estender a colaboración que agora comeza á elaboración de novos materiais didácticos e actividades.

O COAG, como titular do Proxecto Terra, comprométese a achegar os materiais didácticos que acompañen a visita guiada; formar aos monitores que acompañen ao alumnado no desenvolvemento da actividade; xestionar, en colaboración co Departamento de Educación e Mocidade do Concello, o acceso aos edificios que sexan obxecto de visita e as actividades que se van realizar; destinar anualmente cinco dos intercambios territoriais que se programen para centros do municipio compostelán que estean a traballar cos materiais do Proxecto Terra.

Cinco axudas

O Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Educación e Mocidade comprométese a conceder anualmente cinco axudas de 300 € aos centros aos que se destinen os intercambios territoriais comprometidos polo COAG; a incorporar a visita guiada de arquitectura e cidade no programa "Vivir Santiago" e incluír o Proxecto Terra como colaborador; a colaborar co COAG na organización das actividades que se realicen na visita guiada de arquitectura e cidade; e a achegar os monitores que acompañen ao alumnado no desenvolvemento da actividade.

Ambas as dúas institucións están interesadas en estabelecer un marco de colaboración que dea como resultado a elaboración e oferta dun conxunto de actividades didácticas destinadas ás etapas de educación obrigatoria co obxectivo de introducir ao alumnado galego, e nomeadamente ao alumnado dos centros de ensino deste nivel educativo do concello de Santiago de Compostela e da súa comarca, no mundo da arquitectura.

Compartir: