ACCIÓN CULTURAL

Pablo Castaño Quartet e Pablo Sanmamed Trío presentan os seus novos discos en "Jazz da Rúa Nova"

10/04/2019 Jazz da Rúa Nova é un concerto de artistas consagrados da escena compostelana. Nel, presentarán as súas correspondentes novidades discográficas: Pablo Castaño Quartet, A-la-láa, e Pablo Sanmamed Trío, 16/04. Trátase dunha noite co bo jazz da cidade este xoves 11 de abril no Teatro Principal de Santiago, no corazón da Cidade Vella, lugar onde se tocaba por vez primeira esta música en Galicia nos anos 20 en locais senlleiros coma o Café Español, o Teatro Royalty ou o Quiqui Bar.

Pablo Castaño Quartet, coa colaboración da cantante Ugia Pedreira, presentan A-la-láa, un disco feito a partir da inspiración dos cantos pausados e melilsmáticos da tradición oral galega e debuxado coas cores e sotaques do jazz neoiorquino.

A-la-láa explora dende a linguaxe do jazz as melodías e modos do alalá, xénero fundamental da música patrimonial galega. Adaptacións, composicións propias e versións en formato de cuarteto coa colaboración vocal da grande Ugia Pedreira en dous temas. O cuarteto de Pablo Castaño, de tradición jazzística, está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Atópase influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos, dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc. O álbum bebe de fontes rigorosas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, ou o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.

Pablo Sanmamed Trio presentan 16/04, un paseo polas corredoiras do jazz con ritmos e aires da world music, o que é o primeiro disco liderado e gravado polo contrabaixista Pablo Pérez Sanmamed.

Jazz e word music danse a man neste esperado disco debut de Pablo Sanmamed Trio cheo de melodías das que fican na cabeza. Nel mergullámonos nunha atmosfera especial na que se suceden valsas afrancesadas, horos romaneses e sabores varios das músicas de transmisión oral nun proceso de deconstrución musical dende a linguaxe do Jazz. Unha particular banda sonora na que se conxugan composicións orixinais de carácter descritivo con pretextos compositivos nos que intuír distintas sonoridades de raíz.

16/04 é un disco de excepción da nova escena musical do jazz de Compostela, distinguida polo seu interese na materia prima das músicas tradicionais

Compartir: