OBRAS

O Concello instalará pasos de peóns elevados na rúa da Estrada para mellorar a seguridade viaria

10/04/2019 O Concello instalará pasos de peóns elevados na rúa da Estrada, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nunha zona con alta densidade de poboación e cunha área escolar. A actuación levaráse a cabo na semana seguinte á Semana Santa.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial deu conta da actuación, na que se van investir 40.000 euros con cargo ao gran contrato de mantemento da rede viaria. Rafael Peña lembrou que a rúa da Estrada foi arranxada no ano 2017, cun investimento de 300.000 euros. O edil explicou que "as condicións da rúa melloraron notablemente, pero iso motivou que se incrementara sensiblemente o tráfico, e tamén a velocidade á que circulan os vehículos".

Rafael Peña lembrou que a rúa da Estrada "articula a circulación nun barrio cun alto número de residentes, no que tamén se localiza o Colexio Ramón Cabanillas, polo que é unha prioridade garantir a seguridade viaria". Ademais, mostrouse convencido de que a instalación dos pasos elevados, demandados polos propios residentes, contribuirán á pacificación do tráfico "nun viario que non pode ser utilizado como periférico para saír da cidade".

O concelleiro explicou que as obras para acondicionar os pasos de peóns elevados executaranse na semana seguinte á Semana Santa, e obrigarán a cortar o tráfico cando menos dous días. Rafael Peña apuntou que nestes días efectuaranse algúns arranxos previos nas beirarrúas.

Compartir: