EDUCACIÓN

12 mozos e mozas poderán viaxar a París

05/02/2007 O Concello de Santiago participará no programa "Vivir o mundo: vivir Europa", convocado pola Deputación da Coruña, tal como acordou a Xunta de Goberno. Esta iniciativa permitirá a 12 mozos e mozas, de entre 12 e 14 anos, viaxar a París no mes de abril.

Debido á previsible demanda de solicitudes para esta viaxe, a selección farase a través dun sorteo público. O único requisito para os participantes é estar empadroados no Concello de Santiago e estar en posesión do DNI ou pasaporte. O custo da inscrición é de 85 euros. O prazo de pre-inscrición fixarase entre o 14 de febreiro e o 28 de febreiro.

Educacompostela

Finalmente, o Goberno local aprobou tamén o orzamento (4.500 euros) e as bases da V edición dos Premios "Educacompostela" de recursos educativos. Estes galardóns recoñecen e difunden os recursos educativos en prol da innovación, a calidade educativa e a renovación pedagóxica. Haberá premios de 1.200, 900 e 600 euros para os tres mellores traballos.

Do 28 de marzo ao 30 de xuño poderán presentarse na Concellaría de Educación e Mocidade estes materiais didácticos orixinais, dirixidos aos diferentes niveis de ensino. Poderán tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria.

Educación afectivo sexual

Tamén en materia educativa, o Concello pon en marcha un Programa de educación afectivo sexual para os mozos e mozas de Compostela, dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO. Desenvolverase nos institutos da cidade e contén distintas iniciativas destinadas a achegar aos xoves información clara e directa sobre estas cuestións. O orzamento do programa é de 11.990 euros.

Compartir: