ALCALDÍA

O alcalde recibe o novo delegado institucional do CSIC en Galicia

02/04/2019 O alcalde recibiu esta maña no Pazo de Raxoi o novo delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron Pedreira. Martiño Noriega expresoulle a vontade do Concello de colaborar co organismo, especialmente de cara á celebración do cen aniversario da súa presenza na nosa comunidade, que se cumpre en 2021.

Martiño Noriega deulle a benvida ao novo delegado institucional do CSIC en Galicia, e púxose ao seu dispor para "fomentar as relacións institucionais entre o Concello e o organismo, que ten unha presenza moi importante en Santiago e co que xa vimos colaborando". Pola súa banda, Antonio de Ron Pedreira agradeceu "a cordial xuntanza co alcalde" e expresou o seu desexo de incrementar as relacións co Concello de cara aos actos de 2021, porque "é en Santiago onde están localizados a maioría dos centros do CSIC en Galicia".

Antonio de Ron Pedreira substitúe no cargo a Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. É doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago e profesor de investigación na Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC. As súas liñas de investigación versan sobre biodiversidade, xenética e mellora de cultivos.

Compartir: