POLÍTICAS SOCIAIS

A IV edición de Compostela + Solidaria ofrece dúas semanas de actividades para "mudar o mundo"

02/04/2019 O Concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a cuarta edición de Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización que se levará a cabo do 2 ao 13 de abril en distintos espazos da cidade. Del deron conta hoxe en rolda de prensa a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, e a representante da coordinadora galega de ONGD, Lorena Seijo.

Ao longo de dúas semanas programaranse obradoiros, charlas, proxeccións, conta contos e accións de rúa coas que a cidadanía compostelá terá a oportunidade de coñecer de que forma pode "mudar o mundo" dende o seu día a día. Tamén, de divertirse e coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o ámbito local, contribúen a cambiar a realidade global.

Nesta cuarta edición, as 20 actividades programadas xirarán arredor de temáticas diversas que terán a defensa dos Dereitos Humanos como eixo central. Ao longo de dúas semanas poderase participar en tres obradoiros sobre comercio xusto; en dúas actividades vinculadas coas loitas dos colectivos feministas e LGTBI+; en tres charlas sobre o dereito á saúde e o acceso a medicamentos ou en tres obradoiros para coñecer as alternativas de consumo responsable que existen en Galicia a través, por exemplo, dun laboratorio de enerxías renovables que se instalará na praza Roxa o 5 de abril. Ademais, e de novo, Compostela + Solidaria apostará polo uso de ferramentas audiovisuais como a radio, o cinema e as redes sociais para sensibilizar contra os discursos de odio e o dereito ás vidas sen violencias.

Como en edicións anteriores, as actividades programadas contarán coa participación das ONGD galegas e de diversos colectivos como a plataforma "Galiza, un futuro sen carbón, as cooperativa Cousas da Terra e Nosa Enerxía, unha representación galega de gastrobloguers e o selo Pastores de Galicia. Por outra banda, ademais dos Centros Socioculturais da cidade, este ano abrirán as portas ao Compostela + Solidaria o Mercado de Abastos, a Zona C, a Biblioteca Ánxel Casal e a Libraría Lila de Lilith.

Mostra de curtametraxes sociais
Nesta edición contarase de novo coa colaboración do Cinema Numax para organizar unha mostra de curtametraxes sociais, o 11 de abril, na que se proxectarán catro documentais que teñen como escenario Guatemala, Gaza, Calais e Kobane. Entre as curtas atópanse Gaza, Premio Goya 2019 á mellor curtametraxe documental, e La escuelita de Manchón, unha peza audiovisual da Asociación Galega de Reporteiros Solidario (AGARESO) que se estreará ese mesmo día e que narra a realidade dunha comunidade en Guatemala na que traballa Arquitectura sen Fronteiras xunto ás organizacións locais. Ao rematar a proxección terá lugar un coloquio co equipo técnico do documental.

Consello Municipal de Cooperación
Hoxe pola mañá inaugurouse a cuarta edición do Compostela + Solidaria cunha xuntanza do Consello Municipal de Cooperación, un espazo de participación cidadá que conta con representantes dos distintos grupos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD, a Universidade de Santiago ou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que ten por obxectivo potenciar a política pública de cooperación local. Na xuntanza, as ONGD presentaron os resultados dos 12 proxectos financiados en 2017 e 2018 polo Concello, a través da convocatoria de axudas á cooperación en países como Guatemala, Nicaragua, O Salvador e a India.

Algunhas cifras
Hoxe, 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema e as cifras de desigualdade global non teñen precedentes: no mundo, só 8 persoas concentran tanta riqueza como 3.800 millóns de seres humanos, a metade máis pobre do planeta. O 70% das persoas que viven en situación de extrema pobreza son mulleres e, malia que realizan dúas terceiras partes do traballo a nivel mundial, só reciben o 10% dos ingresos. Ademais, estamos a vivir o maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial, con consecuencias dramáticas para millóns de persoas; o auxe dos discursos xenófobos e os efectos dun sistema económico que está a xerar desequilibrios medioambientais e sociais que desembocaron nunha crise ecolóxica sen precedentes.

Neste contexto global, as ONGD galegas, xunto a outros colectivos, ofrecerán propostas para reflexionar, aprender, divertirse e debater colectivamente.

Direcciones relacionadas



Compartir: