TURISMO

Turismo de Santiago presenta a cidade a profesionais do sector das principais urbes chinesas

01/04/2019 Turismo de Santiago participa esta semana nunhas xornadas de promoción directa dirixida aos principais profesionais do sector turístico chino organizadas por Turespaña. Estas xornadas celébranse nas tres cidades máis grandes de China: Shangái, Pekín e Cantón, onde viven máis de 50 millóns de persoas.

O mercado chinés está experimentando unha rápida e profunda transformación como consecuencia do aumento da clase media, da axilización na política de tramitación de visados e da constante apertura de rutas aéreas directas con destinos internacionais. Actualmente só o 10% da poboación dispón de pasaporte. Prevese que no ano 2025 serán 150 millóns de cidadáns chineses os que disporán do mesmo, de forma que as viaxes internacionais alcanzarán os 220 millóns.

Fronte ao tradicional perfil do turista chinés, nos últimos anos vénse observando un novo perfil: os millennials, mozos e mozas de clase media-alta que están transformando radicalmente o turismo emisor chinés. Os produtos máis solicitados cando viaxan a Europa son: arte e cultura, compras, gastronomía e turismo urbano. Neste sentido, Santiago ten a oportunidade de posicionarse no mercado chinés como un destino urbano no que descubrir o modo de vida europeo.

Ademais, nos últimos anos estase vivindo un crecemento moi importante no número de persoas que fan o Camiño de Santiago procedentes de China. Ata esta década, o Camiño de Santiago apenas tiña presenza no mercado chinés. O número de peregrinos era mínimo. No ano 2005 houbo apenas 5 peregrinos chineses. Non obstante, dende este ano hai un crecemento constante que permitiu que no 2017 se superase por primeira vez a cifra de máis de 1.000 peregrinos chineses e que no 2018 se alcanzasen os 1.111.

O obxectivo é que este crecemento continúe nos vindeiros anos, e que se traduza tamén nun crecemento do atractivo de Santiago como destino turístico urbano europeo, máis alá do propio Camiño. Deste xeito, o mercado chinés poderá converterse nun mercado internacional importante para a demanda turística da cidade, como xa son actualmente os mercados coreano e xaponés.

Compartir: