CONSELLO DA CAPITALIDADE

O Consello de Capitalidade debatirá o financiamento de Compostela para o ano 2005

09/05/2005 O Consello de Capitalidade abordará o martes, 10 de maio, a aportación específica da Xunta de Galicia Santiago de Compostela durante o presente ano pola súa condición de capital da Galicia. Presidida polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, a sesión do Consello desenvolverase no Pazo de Raxoi.

O Estatuto de Capitalidade é a lei que recoñece oficialmente a condición de capital de Galicia á cidade de Santiago de Compostela (a súa condición de sede das institucións autonómicas está previamente recollida na lei 1/982). O Estatuto regula o réxime xurídico, grao de autonomía, competencias e relacións con outras administracións públicas.

A lei foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia o 11 de xuño do 2002 e publicada no DOG o 24 de xullo do mesmo ano, despois dun longo proceso de elaboración para acadar o consenso de todas as forzas políticas, primeiro no ámbito municipal e logo no ámbito autonómico.

Na súa exposición de motivos o Estatuto de Capitalidade recolle a condición de Santiago de "capital espiritoal e meta de peregrinos, cidade universitaria e símbolo de cultura, civilización e progreso'', un carácter emblemático que require reforzar "a súa autonomía ó servicio dunha xestión administrativa eficaz, moderna e solidaria". Para atender estes obxectivos a Lei estableceu a creación dun órgano colexiado estable de relación entre as administracións autonómica e local, denominado Consello de Capitalidade que se constituiu o 19 de febreiro de 2003. A súa última xuntanza tivo lugar o 20 de setembro de 2004

O Consello de Capitalidade

O artigo 17 establece a composición do Consello da Capitalidade do seguinte xeito:
-O Presidente da Xunta de Galicia.
-Os Conselleiros con competencias nas seguintes materias: Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública; Xustiza, Interior e Relacións Laborais; Economía e Facenda; Cultura, Comunicación Social e Turismo; Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; e Educación e Ordenación Universitaria.
-O Aalcalde de Santiago de Compostela.
-Os concelleiros delegados das áreas de Presidencia, Casco Histórico, Economía, Cultura e Urbanismo.
-Os concelleiros designados polo Pleno, un por cada grupo municipal non representado na Comisión de Goberno, sempre que obtivera máis do 10% dos votos no correspondente proceso electoral.

Compartir: