IGUALDADE

O Concello de Santiago impulsa unha campaña de sensibilización sobre as violencias machistas nos autobuses urbanos

25/03/2019 O Concello de Santiago vén de impulsar unha campaña de sensibilización nos autobuses urbanos de Compostela que ten como obxectivo facer do transporte público un espazo libre de violencias machistas. Trátase dunha acción desenvolvida no marco do 8M, Día Internacional da Muller.

A campaña foi presentada esta mañá pola concelleira de Igualdade, Marta Lois, nunha ruta no autobús da liña 6 dende a praza de Abastos ata a rúa da Rosa. A campaña consiste na colocación de 50 vinilos rotulados en cor negra, un en cada autobús, onde se pode ler "Este autobús é un espazo libre de violencias machistas". Neles hai unha serie de pautas sobre como actuar en caso dunha agresión ou de calquera comportamento machista.

A concelleira de Igualdade explicou que "esta campaña pretende sensibilizar a todas as persoas usuarias do transporte público e darlles unha serie de pautas sobre como actuar ante calquera tipo de agresión". Por iso, nos vinilos lémbrase o teléfono da Policía Local (092) e indícase como debemos actuar se presenciamos ou sufrimos calquera tipo de agresión, como exhibicionismo, tocamentos ou intimidacións. "A clave -engadiu Marta Lois- está en colocar o foco no agresor e non na vítima, de tal xeito que debe ser el quen abandone o espazo público e non a muller agredida".

Tal e como explicou o xerente de TUSSA, Xosé Ramón Mosquera, "case o 60% das persoas que usan o transporte público son mulleres, dun total de 27.000 usuarios e usuarias diarios que ten o servizo na cidade". No traxecto en autobús, Marta Lois quixo agradecer a implicación da xerencia da empresa pública de transporte, así como dos condutores e condutoras e sinalou tamén que "o obxectivo a medio e longo prazo é valorar o éxito da campaña de cara a elaborar un protocolo de actuación máis amplo".

Bus en negro
Estes vinilos, que se manterán de forma permanente nos autobuses, veñen a completar a acción que o Concello desenvolveu durante o mes de novembro co vinilado do autobús da liña 1, completamente tinguido de negro. Daquela tratábase dunha acción puntual de sensibilización no marco do 25N, Día Internacional da Muller.

Compartir: