PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello pon a disposición do comercio compostelán un servizo de asesoramento

02/02/2007 O alcalde en funcións, Néstor Rego, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, e responsables das asociacións de comerciantes da cidade (Xosé Manuel Bello, presidente de Compostela Monumental, Santiago Rey, Secretario de Acotés, Delmiro Prieto, Secretario do Patronato da Fundación Santiago Centro e Marta Rey, xerente da Praza de Abastos), presentaron o Servizo de Asesoramento ao Comercio (SAC) e as instalacións nas que se ubicará, situadas na rúa do Hórreo, nº 100.

A oficina do SAC contará cun equipo formado por un responsable de servizo, persoal técnico, un técnico de marketing, comunicación e distribución, e persoal de Administación. Pódense beneficiar do servizo os comerciantes e hostaleiros en activo, as persoas emprendedoras e as asociacións de comerciantes. A oficina estará aberta entre as 8:30 e as 12:00 horas e funcionará mediante un sistema de cita previa. Poderánse realizar consultas vinculadas coa actividade comercial (optimización de recursos, modernización de infraestruturas, etc.) e coa implantación de novos establecementos (entrevistas de seguemento, elaboración dos plans de empresa, etc.)

O Servizo de Atención ao Comercio nace cos obxectivos de prestar asesoramento ao sector comercial do concello compostelán, coordinar as liñas de acción do Plan de Excelencia Comercial do que forma parte, e coordinar as accións relacionadas co sector desenvolvidas pola Xunta, o Concello de Santiago, a Cámara de Comercio e as asociacións de comerciantes.

Con este SAC, integrado dentro do Plan de Excelencia Comercial, a Concellaría de Promoción Económica pretende dinamizar o sector para que logre a posición que lle corresponde no Concello polo seu peso económico e social e, ao mesmo tempo, converter ao comercio de Santiago nunha referencia de calidade para os composteláns e para os potenciais clientes da área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

Para acadar estes obxectivos, a Concellaría deseñou unha campaña promocional, "Compostela capital de compras". Nesta marca incluese o programa "Marzo, mes do comercio", promovido polo departamento de Xosé Manuel Iglesias coa finalidade de dinamizar a actividade comercial e dar protagonismo ao comercio nun mes que xeralmente non o ten.

Grupos de traballo

Para estudar a situación do comercio compostelá, o SAC contempla a creación de grupos de traballo nos que se integrará a persoal técnico do Servizo e a axentes vinculados ás liñas de acción definidas no Plan de Excelencia Comercial: Plan de Formación e Capacitación, Plan de Creación de Novas Iniciativas Comerciais, Plan de Asesoramento Asociativo e Plan de Mellora do Comercio.

O Servizo de Asesoramento ao Comercio enmárcase dentro do Plan de Excelencia Comercial, asinado entre a Concellaría de Promoción Económica e Comercio e a Deputación de A Coruña. O Plan conta cun orzamento de 289.022 euros.

Compartir: