XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba dúas modificacións do orzamento prorrogado

15/03/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe dúas modificacións do orzamento prorrogado, unha por algo máis de 123.000 euros e a outra por 87.000. Parte dese orzamento será para as obras de Castrón Douro e para a redacción do proxecto de Clara Campoamor.

A tenenta de alcalde, encargada de dar conta hoxe dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que o expediente das modificacións será avaliado na comisión de Facenda do próximo mércores, que decidirá se se somete ao Pleno ordinario da próxima semana ou a unha sesión extraordinaria. Unha das modificacións, mediante crédito extraordinario, ascende a 123.000 euros; e a outra, de suplemento de crédito, ascende a 87.100 euros. María Rozas explicou que o crédito "sae de baixas nun contrato do Departamento de Informática e máis dos aforros en xuros bancarios por ter reducido a débeda do Concello". O orzamento irá para o pago de xuros de diversas sentenzas xudiciais (75.000 euros), para cubrir un déficit no orzamento prorrogado para as obras de Castrón Douro (87.000 euros) e para financiar parte do contrato de redacción do proxecto de reurbanización do viario de Clara Campoamor (48.000 euros)

Outros acordos
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou iniciar un expediente por incumprimento de contrato á empresa Serunión, adxudicataria do servizo de comedores escolares. Trátase dun expediente motivado polas queixas recibidas en relación ao incumprimento da obriga de utilizar a lingua galega, e polo que xa se tiña apercibido á empresa no pasado mes de xaneiro.

Na reunión de hoxe tamén se aprobaron as bases da convocatoria de subvencións para as festas patronais. O Concello vai repartir un total de 24.500 euros con esa finalidade, e o importe máximo subvencionable para cada solicitante e para cada festa é de 750 euros. As axudas pódense destinar a subvencionar grupos de música e baile, corais, bandas de música, inchables, karts, charangas, xogos populares ou festas das escuma.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: