EDUCACIÓN

A Concellaría de Educación únese á demanda dun novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas

02/02/2007 Representantes da Escola Oficial de Idiomas mantiveron unha xuntanza coa concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos. Na mesma demandaron a colaboración municipal na solicitude dunha nova sede para o centro.

Elvira Cienfuegos ofreceulles a colaboración municipal nas xestións ante a Consellería de Educación e a disposición do Concello a ceder unha parcela para a construción do novo centro. "Compostela necesita unha Escola adaptada en equipamento e recursos á demanda actual", dixo.

Na actualidade, a Escola Oficial de Idiomas de Santiago da cabida a 3.000 alumnos, pero o centro está ao límite da súa capacidade. Isto fai que cada ano se teñan que limitar o número de matrículas e que se faga imposible ampliar a oferta de novos idiomas ou de actividades. Cómpre lembrar que a Escola está situada no antigo edificio dun colexio de primaria, na rúa Ulpiano Villanueva (Vite).

A Consellería de Educación tenlles manifestado aos representantes da Escola a súa disposición a construír un novo centro, pero estas demandan agora que se concreten eses compromisos.

Compartir: