MOCIDADE

Todo listo para o inicio do proxecto "Que fai un creador no meu barrio?" no Centro Xove da Almáciga

06/03/2019 A iniciativa Que fai un creador no meu barrio? chega ao Centro Xove da Almáciga os días 11, 12, 13, 20 e 21 de marzo de 2019. Os encargados de dar vida a esta actividade de carácter participativo e colaborativo son os deseñadores industriais do estudio compostelán Cenlitrosmetrocadrado. A inscrición aínda está aberta a través da web quefaiuncreador.dardo.gal.

Que fai un creador no meu barrio? é un proxecto de carácter artístico e creativo que reivindica o papel dos creadores na contorna social e veciñal dos barrios. Fronte á visión idealizada dos creadores como seres illados nun universo de fantasía, Que fai un creador no meu barrio? propón unha revisión destas ideas, cuestionando conceptos como a autoría ou a inspiración.

O proxecto, desenvolvido co financiamento da área de Cultura da Deputación da Coruña e o apoio a Concellaría de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, e a Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, así como a Concellaría de Cultura e Festas do Concello de Ferrol, entra na súa fase de desenvolvemento no Centro Xove da Almáciga, que acollerá á actividade os días 11, 12, 13, 20 e 21 de marzo, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Que fai un creador no meu barrio? é un proxecto participativo, colaborativo, no que os creadores se inseren no contexto, no medio cidadán, para traballar con pequenos grupos de persoas e entre todas e todos pensar outros espazos posibles, outros aspectos, dos nosos lugares de tránsito e uso cotián.

Kit de autoxestión veciñal
En Santiago de Compostela, os creadores encargados de conducilo serán os deseñadores do estudio compostelán Cenlitrosmetrocadrado, que traballarán no entorno do monte da Almáciga na construción do Kit de autoxestión veciñal.

A actividade é gratuíta e está aberta a todos os maiores de 16 anos por rigorosa orde de inscrición a través da páxina web do proxecto: dardo.gal/quefaiuncreador.

Kit de autoxestión veciñal propón un debate sobre os usos dos espazos públicos por parte dos veciños. Neste caso, a reflexión centrarase na contorna do parque da Almáciga en Santiago de Compostela, que a mediados dos anos noventa creouse como espazo de lecer para as zonas residenciais adxacentes xurdidas no lugar de antigos camiños forestais, como é o caso das rúas de Touro, Arzúa, Betanzos ou Teo. A proximidade do parque representa hoxe en día unha oportunidade de relación veciñal e, por este motivo, os inscritos no taller participarán no deseño e construción dun Kit de autoxestión veciñal, un soporte elemental para certas accións comunitarias como reunións asemblearias, merendas veciñais, pequenas actuacións musicais ou teatrais ou actividades deportivas e de lecer.

Unha vez finalizado o período de actividade, celebrarase unha exposición que recollerá a documentación das accións realizadas durante as xornadas na cidade de Santiago de Compostela e Ferrol.

Cenlitrosmetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación composto polos deseñadores Xabier Rilo e Ricardo Tubío, que traballan cunha ampla rede de colaboradores externos en outros eidos tanxenciais á propia actividade do estudio.

Cenlitrosmetrocadrado constitúese coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica, e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico, desenvolve proxectos que van dende o gráfico, o deseño de produto e espazos, ata a coordinación de equipos de traballo en ámbitos creativos. Nestes nove anos de traxectoria, este estudio galego tivo a oportunidade de desenvolver múltiples proxectos que analizan e reflexionan sobre as diversas circunstancias e problemáticas dos ámbitos profesionais e culturais.

Á marxe das encomendas, Cenlitrosmetrocadrado desenvolve proxectos por iniciativa propia dentro dunha liña de investigación interna baixo a denominación I+D+Cen. Estas experiencias están encamiñadas a reflexionar sobre diversos factores, como poden ser: usos, códigos formais, contextos, materiais ou técnicas produtivas coa fin de propoñer novos conceptos ou revisar os xa existentes.

Compartir: