CONSORCIO

A Real Filharmonía estrea "Macaréu", do compositor galego Adrián Saavedra

25/02/2019 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o mércores 27 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, dentro da temporada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves orquestra tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, no marco da súa temporada de abono. O mestre Jonathan Webb, principal director convidado da RFG dende outubro de 2016, levará a batuta de ambos os dous concertos.

Baixo o título "Sinfonismos", o programa destes concertos comezará coa estrea da obra Macaréu, do compositor pontevedrés Adrián Saavedra (1987), un encargo da Real Filharmonía de Galicia para esta temporada. A RFG mantén así a súa liña de apoio aos novos compositores galegos. Tal como explica o autor, "o macaréu (macareo en castelán) é un fenómeno físico que produce unha onda de choque capaz de remontar o curso dun río. Do mesmo xeito, esta obra parte da premisa dun primeiro impulso, estático, calmo. Ondas que chocan e dispóñense a remontar un discurso sonoro".

Saavedra é licenciado en Composición pola Escola Superior de Música de Catalunya e graduado en Piano Clásico polo Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. Estuda ademais Análise e Composición de Música de Cinema, Piano Jazz, Produción Musical, Composición de Jazz e Música Moderna.

Sinfonías de Sibelius e Williams
A continuación, a orquestra interpretará a Sinfonía nº 6 do compositor finlandés Jean Sibelius (1865-1957), xunto a alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago. O autor dixo sobre esta obra: "a sexta sinfonía sempre me lembra o cheiro da primeira neve. A rabia e a paixón son absolutamente esenciais nela".

Os concertos de Santiago e Vigo concluirán coa Sinfonía nº 5 do compositor británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958). Estreouse en 1943 no Royal Albert Hall de Londres, baixo a dirección do propio compositor. Dedicou a obra a Sibelius, como el mesmo dixo, "sen o seu permiso". Escrita nun período de plena guerra, algúns quixeron ver nesta sinfonía a predición do triunfo do ben sobre o mal.

A batuta de Jonathan Webb
O mestre Jonathan Webb é, ademais de principal director convidado da RFG, director musical da Camerata Strumentale "Città dei Prato". Estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. É convidado con frecuencia en salas de concertos de toda Europa e dirixe agrupacións en Israel, China, Xapón, Tel Aviv… Con motivo do evento "Colosseo 2000", dirixiu un concerto no Coliseo de Roma, o primeiro que se celebraba en 1.500 anos.

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente ao mesmo terá a oportunidade de manter unha charla previa co director. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: