REHABILITACIÓN

O Concello e La Caixa asinan un convenio de colaboración para o financiamento da rehabilitación de inmobles

01/02/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o delegado xeral-apoderado de "La Caixa", Jesús Ángel de la Pedraja Cañas, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento da rehabilitación de vivendas situadas nas Áreas de Rehabilitación Integral.

O obxecto do convenio asinado no Pazo de Raxoi encádrase nos plans de rehabilitación das edificacións incluídas nas áreas de rehabilitación de Santiago de Compostela, mediante a concesión de financiamento en condicións especiais ou preferentes aos seus titulares. Segundo indicou Sánchez Bugallo, "este convenio ofrece a novidade do interese fixo, importante para moita xente maior que quere saber o que vai pagar". A outra novidade é que os beneficios dos préstamos se amplían ás áreas de rehabilitación integral.

Deste xeito, "La Caixa" comprométese á creación dunhas liñas de préstamos destinadas especificamente aos titulares dos inmobles situados nas ARI que o soliciten. Estas liñas de préstamo ofertaranse nas condicións recollidas ao final do texto e poderán ser modificadas en función da evolución dos mercados financeiros, dándolle conta das mesmas á Oficina Municipal de Rehabilitación. "Trátase -dixo Jesús Ángel de la Pedraja Cañas- de achegar aos propietarios un apoio suave en contido e prazo de actuación".

Pola súa banda, o Concello compostelán comprométese a difundir o convenio entre os posibles beneficiarios do mesmo. A súa duración será dun ano, a partir da sinatura do mesmo, quedando prorrogado tacitamente por igual período, agás denuncia expresa por calquera das partes.

Condicións de financiamento:

Préstamo Persoal a tipo de xuro fixo.

• Importe máximo: ata o 100% do orzamento, cun máximo de 20.000 euros.
• Tipo de xuro: 5,75%. – aplicable durante 6 meses – (1)
• Prazo: ata 9 anos, máis 1 ano de carencia.
• Comisión de apertura: 2,00% (financiable)
• Comisión por amortización anticipada: 1%
• (1) Pasado este primeiro período, o tipo de interese FIXO calcularase a CECA + 1 punto.

Préstamo Persoal a tipo de xuro variable.

• Importe máximo: ata o 100% do orzamento, cun máximo de 20.000 euros.
• Tipo de xuro: euríbor trimestral máis un diferencial de 1,75 puntos, revisable trimestralmente.
• Prazo: ata 9 anos, máis 1 ano de carencia.
• Comisión de apertura: 2,00% (financiable)
• Comisión por amortización anticipada: 1%.

Compartir: