TURISMO

A UE selecciona a Santiago para presentar en California a súa estratexia de promoción turística

18/02/2019 Turismo de Santiago foi seleccionado pola Comisión Europea para dar unha conferencia nun evento propio de promoción de destinos europeos en Los Angeles (USA). Este evento forma parte do programa da Comisión Europea "Partnerships in European Tourism" para a promoción turística nos mercados chinos e do EEUU a través da European Travel Commission.

O evento centrouse no turismo de exterior e de aventura. Santiago foi seleccionado por contar cunha ampla oferta patrimonial, cultural e gastronómica, que ademais ofrece ao mercado norteamericano o valor engadido de ser o destino do Camiño de Santiago, ruta de peregrinación a partires da cal naceu e se desenvolveu a idea de Europa, e que así pode servir ao público estadounidense como introdución para a cultura europea.

A UE organizou este evento o venres 15, na véspera do "Los Angeles Travel & Adventure Show", unha das principais feiras turísticas que se celebran nos Estados Unidos. Esta feira celebrouse a fin de semana no Centro de Convencións de Los Angeles, onde a entidade de promoción turística do Concello tivo a oportunidade de amosar a oferta da cidade a profesionais do sector norteamericano.

O mercado estadounidense segue unha liña constante de crecemento dende o ano 2010, no que se estreou a película The Way, na que colaborou a Santiago de Compostela Film Commission, servizo de Turismo de Santiago para a promoción turística da cidade a través do audiovisual.

Estados Unidos é xa o segundo mercado internacional en número de pernoctacións na cidade, segundo os datos do INE. No ano 2017 sumou 75.499 pernoctacións, cun crecemento do 20% que lle permitiu superar por primeira vez a Alemaña (os datos do 2018 non están aínda publicados). No 2018 situouse no terceiro lugar en peregrinos internacionais, tras Italia e Alemaña.

Compartir: