ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música actúa o domingo en Braga, na Semana Cultural de Converxencias Portugal-Galiza

15/02/2019 A Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá un concerto o próximo domingo en Braga, dentro da programación da quinta Semana Cultural de Converxencias Portugal-Galiza, que promove o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director da Banda, Casiano Mouriño, participaron hoxe na presentación do programa.

A Semana Cultural de Convergencias Portugal-Galiza celebrarase do 17 ao 24 de febreiro, con actividades en Braga, Padrón e Santiago. O programa foi presentado hoxe nunha rolda de prensa na que que participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director da Banda Municipal de Música de Santiago, Casiano Mouriño; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o representante do grupo portugués Cantos D’Aquí, Xaime Torres.

O obxectivo do certame é "aprofundar nos vínculos que teñen Galicia e Portugal a través da música, o cine e a literatura, e a través de persoeiros como Rosalía de Castro e José Afonso". Para iso, están previstas exposicións, representacións teatrais e concertos como o que a Banda ofrecerá o próximo domingo no Espaço Vita de Braga, acompañada polo grupo Canto D’Aquí. As dúas formacións volverán colaborar noutro concerto enmarcado na Semana Cultural de Convergencias Portugal-Galiza, o 23 de febreiro no Teatro Principal. Desta vez, o recital está formulado como un tributo a José Afonso, "o cantautor portugués que garda un forte vínculo con Compostela porque foi aquí onde interpretou por primeira vez en público o seu tema Grándola Vila Morena", tal e como recordou a concelleira Branca Novoneyra.

A programación da Semana Cultural pecharase o domingo 24 de febreiro no auditorio da Casa da Matanza, cun concerto con Canto D’Aquí e Iria Estévez, baixo o título de "Caminhos do Fado".

Compartir: