POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello habilita cinco novos pisos para familias en situación de vulnerabilidade grazas a unha achega de "la Caixa"

12/02/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, acompañada pola directora do Centro de Institucións de CaixaBank en Galicia, María Jesús García Piñeiro, así como por persoal técnico do Concello, visitou esta mañá os cinco pisos que o Concello vén de acondicionar para "continuar colocando o S de Social nas políticas públicas e seguir avanzando na Compostela dos coidados".

Os pisos foron acondicionados grazas a unha achega económica da Obra Social "la Caixa" de 30.000 euros, aos que o Concello sumou outros 10.000. Así, en total investíronse 40.000 euros na reforma e rehabilitación dos inmobles. Concha Fernández sinalou que "dous destes pisos dedicaranse á atención das persoas e familias en situación de vulnerabilidade e exclusión social, mentres que os tres restantes destinaranse ás persoas sen fogar". Nesa liña anunciou que un dos pisos será cedido ao Centro Abeiro, que xa fixo solicitude do mesmo por escrito.

En declaracións aos medios, María Jesús García Piñeiro mostrou a satisfacción de "la Caixa" pola inminente entrada en servizo dos cinco pisos sociais. "Facilitar a inclusión social e unha vida autónoma e independente ás persoas máis vulnerables é un dos principais campos de actuación da nosa Obra Social. Por iso alegrámonos desta axuda que permitirá aos veciños de Santiago contar con máis recursos", concluíu.

Reformas
Os cinco pisos, que amosaban o deterioro tras estar baleiros nos últimos anos, foron repintados con pintura branca da máxima calidade, amañáronse as persianas e cepilláronse as portas. Tamén se acondicionaron todas as cociñas, que só contaban con fregadeiro, incluíndo unha encimeira de granito de 2 cm de espesor e todos os electrodomésticos.

Nos inmobles tamén se realizou unha revisión en profundidade dos sistemas de calefacción, nas caldeiras e na fontanería. Ademais, procedeuse á súa limpeza para que se poidan ocupar de maneira inmediata.

Aposta polas cuestións sociais
Con estes son xa 12 os pisos municipais que o Concello de Santiago ten habilitados para emerxencia social. Deses inmobles, dous están cedidos a Feafes e úsanse como recurso habitacional para persoas sen fogar seguindo o modelo housing first e agora dedicaranse outros tres a aumentar este mesmo recurso. Do resto de inmobles, dous están cedidos a Aspas, un a Abeiro (ao que se lle cederá outro máis) e un á Fundación Andrea.

O Concello leva apostando durante os últimos anos polo modelo housing first (a vivenda, primeiro), que entende que a inserción social pasa pola existencia dun recurso habitacional onde estas persoas poidan vivir temporalmente de forma autónoma axudadas por profesionais da entidade. Trátase dun modelo innovador e pioneiro en Galicia que se está a levar a cabo noutras cidades europeas. Deste xeito, son menos vulnerables ante outros problemas que padecen relacionados, por exemplo, coas adiccións.

Compartir: