ALCALDÍA

O alcalde asiste ao acto de posta en funcionamento da variante de Aradas

04/02/2019 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe no acto de posta en funcionamento da variante de Aradas, que abrirá ao tráfico esta tarde. A infraestrutura construída pola Xunta comunica o Polígono do Tambre coa estrada de Santa Comba, e supuxo un investimento de 6,3 millóns de euros.

Na súa intervención, o alcalde mostrou a súa satisfacción pola conclusión da estrada, que "non só mellora a conectividade do Polígono do Tambre, senón que tamén conseguirá diminuír o tráfico pesado no centro da cidade". Estímase que serán uns 4.000 vehículos os que deixen de circular a diario polo barrio de Vite tras a apertura do novo viario, de 1,6 quilómetros de lonxitude.

Martiño Noriega lembrou que "a variante de Aradas foi un compromiso explicitado pola Xunta no ano 2003, e o seu impulso foi unha das cuestións que lle reclamei ao presidente Alberto Núñez Feijóo en 2016. É de agradecer que o titular do Goberno Galego cumprira a súa palabra, e dous anos despois daquela xuntanza esteamos inaugurando por fin a variante de Aradas".

Compartir: