ACCIÓN CULTURAL

O concerto da Real Filharmonía de Galicia previsto para este xoves no Auditorio de Galicia será no Auditorio Abanca

22/01/2019 A Concellaría de Acción Cultural vese na obriga de trasladar o concerto da Real Filharmonía de Galicia previsto este xoves no Auditorio de Galicia para o Auditorio Abanca do Preguntoiro.

A correcta ensamblaxe das novas butacas da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia atrasou a data de reapertura da sala en base ás previsións iniciais, polo que o concerto non se poderá facer neste espazo. É por iso que é necesario o traslado. A data e hora do concerto será a mesma, este xoves 24 de xaneiro ás 20:30 h, e o Conversando previo queda cancelado.

A Concellaría de Acción Cultural está traballando en avisar a cada unha e cada un dos abonados así como ás persoas que mercaron as entradas a través da páxina web compostelacultura.gal. Deste xeito comunicaráselles o cambio de espazo, así como a fila e butaca que lle corresponderían no novo emprazamento.

Dende a Concellaría laméntase profundamente as molestias que poida causar esta cuestión e contan coa comprensión de todas e todos os espectadores nunha situación tan excepcional.

Compartir: