EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os centros escolares de Compostela celebrarán un ano máis o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia

18/01/2019 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta hoxe das actividades que se desenvolverán nos colexios de infantil e primaria de Compostela ao abeiro do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, que se celebrará o 30 de xaneiro.

Tal e como indicou o concelleiro, está é "unha desas datas que serven para exemplificar, nun día, o traballo e a preocupación de todo o curso lectivo. Por iso, engadiu, "demandamos a colaboración do equipo directivo, do profesorado e das familias, para que cada centro educativo promova actividades de aula e colectivas, tal e como demandan anualmente a ONU e a UNESCO".

Así, os colexios desenvolverán aquelas iniciativas e actividades que consideren máis acaídas en relación coa paz e a non violencia segundo as idades e niveis nos que impartan docencia. "Santiago é unha cidade educadora nos valores cívicos e democráticos", destacou o edil citando algunhas das iniciativas impulsadas polo Concello, como a unidade didáctica sobre o holocausto, baseada nunha ópera infantil –Brundibar- que foi representada, con grande éxito no Teatro Principal, ou a conmemoración, o pasado mes de decembro, do 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Eixos temáticos
Son moitos os asuntos arredor dos que traballar e reflexionar este día e tódolos días do ano, como son, por exemplo, os Dereitos Humanos, "dos que vimos de conmemorar o seu 70 Aniversario o pasado 10 de decembro. Tamén merece moita atención, pola súa gravidade, a prevención da violencia de xénero e a educación para a igualdade e contra calquera forma de discriminación entre homes e mulleres, sexa no ámbito salarial, laboral ou nas maneiras de vivir ou comportarse", indicou Manuel Dios. A escola configúrase como un espazo privilexiado para abordar, xunto coas familias, a educación para a igualdade entre mulleres e homes, a educación afectivo-sexual e a prevención das violencias.

Dende o Concello tamén se propón traballar sobre a convivencia democrática e a mellora da convivencia escolar, "tomando medidas que contribúan a eliminar o acoso das aulas" ou poñer especial énfase na atención ás familias con menos recursos, fundamentalmente persoas refuxiadas ou poboación migrante.

Actividades
O Concello de Santiago distribuirá nos vindeiros días o cartaz explicativo polo Día da Paz e a Non Violencia, que chegará a todos os centros educativos do municipio. Tamén se levará a cabo un acto central na praza do Obradoiro (ou no auditorio Abanca, se as condicións climáticas non o permiten), conducido polo contacontos Anxo Moure, no que participarán representantes dos centros de primaria e secundaria. No acto realizarán o símbolo da paz e representaranse pezas musicais como o "Himno da Alegría" ou "Imagine", de John Lennon.

As Escolas Infantís Municipais terán tamén o seu acto na EI de Salgueiriños, que será semellante ao realizado en ocasións anteriores. Xa pola tarde, a Escola Municipal de Música ofrecerá, na finca Vista Alegre, o seu tradicional Concerto pola Paz.

Compartir: