MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Este luns comezan as obras para eliminar o punto negro de asolagamentos na rúa de Frei Rosendo Salvado

11/01/2019 Este vindeiro luns comezarán as obras para mellorar a drenaxe na rúa de Frei Rosendo Salvado, un dos puntos negros de asolagamentos detectados polo Concello. A actuación suporá un investimento de case 50.000 euros e ten un prazo de execución dun mes.

Frei Rosendo Salvado é unha das rúas que nas que se teñen detectadas deficiencias nas redes de pluviais e fecais, que se traducen en importantes asolagamentos en superficie en momentos de fortes chuvias, que lle afectan a inmobles comerciais e de vivendas. A actuación contempla a implantación de novos sumidoiros de captación superficial e lateral e dun novo sumidoiro lonxitudinal na intersección coa rúa de Ramón Cabanillas. Tamén se reconfigurará o encontro dos colectores da rede de sumidoiros de augas fecais. O prazo previsto para a execución dos traballos é de catro semanas.

Corte de tráfico
As obras de Frei Rosendo Salvado obrigarán a cortar o tráfico desde o próximo luns, no tramo comprendido entre as rúas de Ramón Cabanillas e Santiago de Chile. Poderán acceder as persoas usuarias dos garaxes da rúa, e tamén quedará suprimida a carga e descarga do tramo.

Debido a este corte, a liña 5 do transporte urbano, sentido A Rocha, desviarase por Doutor Teixeiro, A Rosa e Santiago de Chile, retomando o seu itinerario habitual na rúa de Frei Rosendo Salvado. Deste xeito, quedarán suprimidas as paradas de República do Salvador e Frei Rosendo Salvado, e realizaranse dúas paradas alternativas na rúa da Rosa e no cruce de Santiago de Chile con Frei Rosendo Salvado.

Rúa do Espírito Santo
O próximo luns tamén quedará cortada ao tráfico a rúa do Espírito Santo, tamén con motivo dos traballos na rede de sumidoiros. Este caso, a actuación prevista durará tres días.

Tanto os/as usuarios/as dos garaxes coma os vehículos da carga e descarga deberán entrar e saír pola avenida de Xoán XXIII e a praza de Ultreia.

Compartir: