POLÍTICAS SOCIAIS E DIVERSIDADE

Seis entidades reciben as axudas municipais de cooperación ao desenvolvemento

03/01/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe das seis entidades beneficiarias da segunda convocatoria de axudas municipais de cooperación ao desenvolvemento, dotada con 120.000 euros.

A edila explicou que, entre as novidades da convocatoria do 2018, cómpre sinalar "o aumento na contía, que pasa de 90.000 a 120.000 euros, así como o máximo ao que podía optar cada entidade, que pasou de 15.000 a 20.000 euros".

O obxectivo destas axudas, ás que se presentaron un total de 12 propostas de distintas entidades, é a realización de proxectos en países empobrecidos. Os requisitos para optar a estas axudas pasaban por estar inscritos e constituídos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, acreditar unha experiencia mínima de dous anos no ámbito territorial no que se ía actuar e ter unha experiencia de catro anos en proxectos de cooperación. "Para poder optar á subvención, os proxectos debían ter unha puntuación mínima do 50% nos apartados entidade solicitante e calidade do proxecto", tal e como sinalou Concha Fernández.

Proxectos
As subvencións repartíronse en función de dúas liñas de acción previstas, unha vencellada ao apoio a accións de educación, capacitación e formación ou recursos humanos e servizos, mentres a outra estaba relacionada con investimento, construción, saneamento ou abastecemento de augas.

Os seis proxectos con maior puntuación foron os presentados pola Fundación Vicente Ferrer, Solidariedade Internacional de Galicia, Amigos da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Manos Unidas e Agareso.

No caso da Fundación Vicente Ferrer, recibirán un total de 20.000 euros para a adquisición do material para a construción de 81 vivendas e 81 letrinas con aseo, que facilitarán o saneamento básico para 81 familias dos colectivos máis desfavorecidos da aldea rural de Tangaradona, no Distrito de Kurnool (India).

A entidade Solidariedade Internacional de Galicia percibirá tamén 20.000 euros para desenvolver un proxecto relacionado coa soberanía alimentaria da poboación indíxena Man de Concepción Chiquirichapa Quetzaltenango (Guatemala).

Pola súa banda, Amigos da Terra recibirá un total de 19.975 euros (14.727 nunha das liñas de acción e 5.248 na outra) para o fortalecemento das capacidades locais de catro cooperativas de pescadores e pescadoras artesanais para a cría e engorde en gaiolas flotantes de pargo nos departamentos de Chinandega e León (Nicaragua).

A Asemblea de Cooperación pola Paz levará a cabo en Guatemala un plan de mellora das condicións hixiénico-sanitarias, medioambientais e de equidade de xénero na comunidade de La Mora e no municipio de Suchitoto, acción pola que percibirán tamén 20.000 euros, dos cales arredor de 9.000 serán para a compra de consumibles e servizos profesionais e preto de 11.000 para acometer construcións e reformas.

Manos Unidas levou tamén a contía máxima da subvención, é dicir, 20.000 euros, que empregarán para desenvolver no Salvador un programa de fortalecemento de capacidades locais para a convivencia comunitaria e a mellora integral do hábitat no municipio de San Pablo Tacachico e en La Libertad.

Finalmente, a sexta entidade beneficiaria das axudas municipais de cooperación ao desenvolvemento foi Agareso, cun importe de 18.569,77 euros para mellorar, no Salvador, as capacidades de produción e difusión de contidos con enfoques de xénero nas nove emisoras de radio comunitarias centroamericanas.

Nacida en 2017
Esta convocatoria de axudas á cooperación incluíuse por primeira vez nos orzamentos de 2017, cunha dotación económica de 90.000 euros e un total de seis entidades beneficiarias: Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Vicente Ferrer, Arquitectura Sen Fronteiras, Enxeñería Sen Fronteiras e Fundación Fabre.

Este plano de subvencións dá resposta ao acordo asinado polo Concello en 1999, no que se aprobaba destinar o 0,7% do orzamento a cooperación para o desenvolvemento. Cos 120.000 euros desta anualidade, o Concello ronda o 1% do orzamento total.

Compartir: