EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico fixa na súa Axenda Estratéxica os obxectivos para os vindeiros sete anos

29/01/2007 "Axenda estratéxica. Sete ideas para sete anos decisivos" establece os obxectivos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o período 2007-2013. O contido deste estudo será un dos puntos centrais da Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que se celebrará o 9 de febreiro en Vilanova de Gaia (Portugal). O obxectivo é chegar a esa data límite, en que cambiará a orientación dos fondos comunitarios, nunha situación favorable e competitiva.

Este traballo quere converterse nunha folla de ruta para a cohesión interna do sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no novo período europeo de programación dos fondos 2007-2013. Tal como indicou o coordinador e profesor da Universidade de Vigo, Luís Domínguez, fínanse sete prioridades: a ordenación dun territorio equilibrado, o desenvolvemento sustentable, a centralidade nas cidades, a gobernanza e o parceirado como sistemas de relación, a aposta pola sociedade da información, un desenvolvemento perdurable e creador de emprego e un espazo cultural común.

A Axenda Estratéxica é un traballo acometido por un grupo de expertos coordinado polo profesor Luis Domínguez, da Universidade de Vigo, e integrado polos directores do estudo estratéxico ( Xosé M. Souto, Xoan Bouzada e Xulio Pardellas, da Universidade de Vigo, e António Figueiredo, da Universidade de Porto), xunto con Fernando González Laxe (catedrático da Universidade da Coruña e ex-presidente da Xunta de Galicia), Martín Prado (profesor da Escola Técnica de Arquitectura da Universidade da Coruña e ex-director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia), Luis Valente de Oliveira (profesor de Enxeñería na Universidade de Porto, actual vicepresidente da AEP e ex-ministro dos gobernos de Carlos Mota Pinto, Cavaco Silva e Durão Barroso), Luis Braga da Cruz (actual presidente do Mercado Ibérico da Electricidade e antigo ministro de Economía do Goberno de António Guterres) e Arlindo Cunha (presidente do Consello de Administración da Porto Vivo SRU e ex-Ministro dos gobernos de Cavaco Silva e Durão Barroso).

Asemblea Xeral

A Axenda estratéxica e as infraestruturas centrarán a atención dos representantes das 18 cidades que conforman a Eurorrexión e que celebrarán a súa XI Asemblea Xeral o 9 de febreiro. Na mesma aprobaranse as liñas estratéxicas sobre as que se van sustentar as actividades desta organización nos próximos anos.

Un dos temas da xuntanza serán as infraestruturas e a iso se referiu o presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, que indicou que o AVE estará na mesa de debate. Neste sentido, afirmou estar satisfeito porque o proxecto de alta velocidade sexa unha realidade e polo feito de ter conseguido tres obxectivos: que o AVE pare nas cidades, que combine viaxeiros e mercadorías e que conecte portos e aeroportos. "Agora –indicou– queda por concretar prazos e compromisos".

Ademais da Axenda Estratéxica, a Asemblea ocuparase da Estratexia de Intermodalidade, integrada por catro estudos que reflicten a especial atención que se presta dende o Eixo Atlántico ás infraestruturas como base do desenvolvemento do sistema urbano da Eurorrexión: o estudo da implantación dun sistema aeroportuario común, dirixido polo profesor Abel Caballero, catedrático de Economía na Universidade de Vigo; o estudo sobre a creación dun sistema portuario común, dirixido polo profesor Fernando González Laxe da Universidade de A Coruña; a actualización do mapa de infraestruturas da Eurorrexión e do sistema ferroviario interno, dirixido polo profesor Miguel Bugarín, catedrático de Ferrocarrís na Unversidade de A Coruña, que analiza a necesidade de potenciar a rede ferroviaria interna e de proximidade. Ademais destes temas será abordada a análise da viabilidade da creación dun Consorcio Transfronteirizo de Transportes.

Ademais destes temas, na XI Asemblea será presentado o presuposto anual do Eixo Atlántico do Noroeste para o ano 2007, cun total de 1.768.000 euros, dos que un 86% son recursos externos (convenios e proxectos europeos).

A Asemblea vai contar coa presenza do secretario de Estado portugués de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras; coa secretaria de Estado de Transportes do Goberno portugués, Ana Paula Vitorino; coa directora xeral de Transportes, Mar Chao López; e co director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Ramón S. Lueje.

Compartir: