FESTAS

O Ascensión rock 2005 e Jorge Drexler pechan as festas da cidade

06/05/2005 As festas da Ascensión chegan á súa recta final coa VII Festa para os Nosos Maiores e coa celebración do Día da Muiñeira o sábado 7. Ademais, o Ascensión Rock 2005 acollerá no Campus Universitario a seis grupos galegos e estatais. O domingo, Jorge Drexler será o encargado de poñer o broche final ás festas.

A xornada festiva do sábado 7 abrirase coa VII edición da Festa para os nosos maiores, que terá lugar no recinto feiral de Amio. Para facilitar a asistencia dos nosos veciños máis veteranos, o Concello pón á súa disposición un servizo de autobuses con saídas da praza de Galicia ás 12.00 horas, e que fará varias viaxes de volta a partir das 18.00. Ademais do tradicional xantar, os cabezudos e a actuación da orquestra Supercombo serán os encargados de animar a festa.

Pola tarde, as prazas de Compostela tomarán vida coas actuacións de diversas agrupacións nas prazas do Obradoiro, a Quintana, O Toural e Cervantes a partir das 12 da mañá. Ás 13 e ás 17 horas, os participantes concentraranse na Alameda, aínda que o desfile e as actuacións finais serán ás 17.30 na praza da Quintana

Así mesmo, na tarde do sábado celebrarase a XXVII Edición do Campionato de Chave, a partir das 16 horas. E ás 18 horas, dará comezo o Ascensión Rock 2005, no Campus Universitario, onde actuarán The Codename, Octubre 28, Rever, Embracemeocean, Icewind e El último ke zierre. A orquestra que amenizará a noite na Alameda será Milenintour, pero para os que prefiran habaneras, o grupo Boira actuará no Toural.

O domingo abrirase coa actuación da Banda de Música de Santa Cruz de Rivadulla no Teatro Principal, que presentará varias pezas do disco recopilatorio que acaba de editar.

O broche final ás festas da Ascensión deste ano, porao o concerto do uruguaio Jorge Drexler, no Pazo de congresos e Exposicións de Galicia ás 21 horas. O último disco de Drexler, "Sea", foi nominado aos Latin Grammy Awards, aos MTV Latin Awards e foi votado entre os 10 mellores álbumes do 2001 pola revista Rolling Stone Arxentina. E Para os que prefiran a música a capella, poderán disfrutar no Toural das cancións do conxunto cubano Vocal Tempo.

Compartir: