EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico e Ibero Clásicos porán en marcha un trofeo de vehículos antigos

29/01/2007 O presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio de colaboración co xerente da empresa portuguesa Ibero Clássicos-Veículos Clássicos, Rui Pina Cardoso, para a realización do "Trofeo do Eixo Atlántico", de carácter automobilístico. A proba consistirá en catro etapas, que percorrerán as cidades galegas e portuguesas integrantes do Eixo nos meses de maio, xuño, xullo e outubro.

A segunda das etapas partirá de Santiago de Compostela, e chegará ata A Coruña, Ferrol e Lugo. Cada unha das etapas incluirá unha serie de iniciativas deportivas, turísticas, culturais e sociais. Todo isto co obxectivo de crear, tal como sinalou Sánchez Bugallo, "un espazo de encontro" en torno a unha actividade "que ten máis tradición en Portugal", pero á que non é allea Santiago, que organiza nas Festas do Apóstolo un día dedicado aos automóbiles antigos.

O protocolo asinado busca a promoción da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través do deporte co fin de contribuír ao reforzamento das relacións entre as cidades integrantes da Eurorrexión e os seus cidadáns, así como favorecer o desenvolvemento de factores clave como o aumento da actividade turísitica nas cidades onde teñan lugar as probas de automóbiles antigos.

Na organización do trofeo, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular vai contar con entidades de grande prestixio no mundo do automobilismo e cunha longa traxectoria na organización deste tipo de eventos.

En virtude do convenio asinado, Ibero Clássicos asumirá a totalidade do financiamento e a execución, co apoio dos clubs participantes. Pola súa parte o Eixo Atlántico prestará apoio loxístico, é dicir, coordinación cos municipios para permitir a Ibero Clássicos o correcto desenvolvemento do evento.

Compartir: