SERVIZOS BÁSICOS

A nova rede de saneamento de Vite será máis resistente e terá maior capacidade

29/01/2007 O Concello vai investir 262.923 euros nunha nova rede de saneamento para o barrio de Vite, que solucionará definitivamente os problema de roturas que se viñan dando ata agora. As vellas tuberías de fibrocemento serán substituídas por outras de fundición dúctil, máis resistentes e de maior capacidade.

O Goberno local aprobou este proxecto e o inicio da contratación das obras, que terán un prazo de execución de catro meses. Afectarán a un tramo de aproximadamente quilómetro e medio, dende o Auditorio de Galicia á Praza da Paz, en San Caetano.

Obras nas parroquias e en Sar

Por outra parte, deuse o visto bo á contratación das obras de limpeza de cunetas e desbroce nas parroquias do sector sur. Esta actuación suporá un investimento de 59.858 euros e teñen un prazo de execución de seis meses. Afectarán a parroquias como Vidán, Conxo, Laraño, Villestro, Figueiras, Marrozos, San Lázaro ou Aríns. Para a realización das obras contratarase un equipo adicional, consistente nunha desbrozadora de brazos, co seu correspondente operario, e nun peón.

Tamén se aprobou a contratación, por un importe de 60.000 euros, das obras de mantemento e conservación de beirarrúas na zona de Sar. Nun prazo de dous meses, poranse as beirarúas e o pavimento das rúas Gómez Ulla, Pérez Constanti e Neira de Mosquera.

Compartir: