XUNTA DE GOBERNO

As obras da pasarela do CEIP das Fontiñas poderán comezar á volta do Nadal

14/12/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras da pasarela que conectará os dous edificios do CEIP das Fontiñas. Os traballos, orzados nalgo máis de 105.000 euros, atenden a unha vella demanda da comunidade educativa do barrio.

A Xunta de Goberno adxudicoulle á empresa CYS Hispania o contrato de execución do itinerario peonil seguro para a conexión dos dous edificios que compoñen o CEIP das Fontiñas. O alcalde explicou que "as obras poderán arrancar a partir do sete de xaneiro, cun prazo de execución de tres meses", e mostrouse convencido de que "non haberá problemas para a convivencia cos traballos durante o curso escolar, como tampouco os está habendo coas obras que está a executar a Xunta no mesmo colexio". A pasarela, en rampla en forma de U, comunicará o centro de Infantil co de Primaria, onde ademais se atopa o comedor. A súa construción responde a unha demanda da comunidade educativa desde hai xa máis dunha década.

Premios "Santiago Deporte"
Na reunión de hoxe, o Goberno tamén aprobou as bases reguladoras dos premios "Santiago Deporte", que se entregarán nun acto público que se desenvolverá previsiblemente no primeiro trimestre de 2019. O alcalde explicou que "esta convocatoria responde ao acordado no Pleno da Corporación, e á intención do Goberno de recoñecer publicamente ás persoas ou entidades que teñan contribuído ao fomento do deporte".

Os premios convócanse en oito categorías: deportista feminina, deportista masculino, entidade deportiva máis destacada, adestrador/a máis destacado/a, patrocinio deportivo, actividade ou acción social, entidade educativa e premio honorífico á traxectoria deportiva. As persoas ou entidades gañadoras serán seleccionadas por un comité avaliador, que estará presidido polo alcalde e no que participarán a concelleira de Deporte, unha persoa representante de cada grupo municipal e persoas representantes da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Universidade de Santiago e os medios de comunicación con sede local en Santiago.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: