NADAL

Compostela celebra o Nadal cunha programación chea de música, tradicións e actividades na rede de centros cívicos

12/12/2018 Santiago celebrará o Nadal con máis de medio cento de actividades, espalladas por todo o municipio e organizadas desde diferentes departamentos municipais para atender a públicos diversos. O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe a programación, que "se articula en torno ás datas máis relevantes das festas, que aposta por recuperar tradicións do Nadal como os cantos ou a figura do Apalpador e que pensa especialmente no público infantil".

O alcalde lembrou que "moitas das iniciativas do Concello para celebrar o Nadal xa teñen botado a andar nas últimas semanas". Entre elas citou a pista de xeo da Alameda, o belén artesanal de San Fiz ou o Mercado de Carreira do Conde, "dos que a veciñanza xa leva días desfrutando". Tamén explicou que a decoración de Nadal "completarase co Bosque dos Xogos da praza do Obradoiro, que este ano se vai caracterizar por ter tobogáns, túneles e xogos populares para as nenas e os nenos, xunto co xa tradicional carrusel de Nadal".

Visitas do Apalpador
O alcalde explicou que na programación deste ano "o Concello mantén a aposta pola recuperación da figura do Apalpador, o vello carboeiro que cada 24 de decembro baixa dos montes do Courel para agasallar ás nenas e nenos con castañas e bos desexos". Para iso, dende hoxe mesmo e ata o 4 de xaneiro, o Apalpador visitará a rede de centros cívicos, levando con el diferentes actividades como obradoiros, títeres, música e teatro. Serán máis dunha trintena da visitas do Apalpador, posibles grazas á compañía teatral Cachirulo, a Talía Teatro e á Xanela do Maxín. Neste último caso, a actividade desenvólvese en compañía da Escola Semente, que o 21 de decembro organiza tamén a Ruada do Apalpador. Trátase dun desfile que partirá da rúa de Santa Clara para chegar ata a praza de Cervantes, e no que o carboeiro irá acompañado de música, animación de rúa ou malabares.

Cabalgata de Reis
Tampouco os Reis Magos faltarán á súa cita coas nenas e nenos de Compostela. Este ano, a gran cabalgata do 5 de xaneiro levará por lema "A viaxe das marabillas", e nela Melchor, Gaspar e Baltasar faranse acompañar por Alicia e por algúns dos personaxes que comparten con ela "o país das marabillas", como o sombreireiro tolo, o coello ou a raíña de corazóns. O alcalde salientou que a deste Nadal "volverá ser unha Cabalgata participada, para a que precisaremos unhas 200 persoas voluntarias que se sumen ás agrupacións artísticas".

Dende hoxe mesmo e ata o próximo 21 de decembro, as persoas interesadas en sumarse a algún combo deben inscribirse chamando ao teléfono do equipo de coordinación da Cabalgata (604 062 506), en horario de 09:30 a 14:30 horas. O mesmo teléfono está habilitado para inscribirse para participar no sorteo no que se seleccionarán os paxes dos Reis Magos, que deben ser nenos e nenas de entre 12 e 16 anos. Hai nove prazas vacantes, e o sorteo realizarase o 26 de decembro no Teatro Principal. Por último, volveranse ofertar 120 prazas para percorrer a Cabalgata nos trens turísticos que acompañarán as carrozas. A inscrición faise no mesmo número de teléfono e as persoas menores de 12 anos deberán ir acompañadas por unha persoa adulta.

Celebración de Fin de Ano
A programación presentada hoxe incorpora varias opcións para a celebración do Fin de Ano. A tradicional festa da praza do Obradoiro, que comezará ás 23:15 horas, correrá a cargo do grupo The Agapornis. Como é habitual, repartiranse uvas e bolsas de cotillón para as mil persoas que primeiro cheguen á praza. Na mesma noite, pero a partir da 1 da madrugada, está previsto outro concerto na praza de Cervantes, a cargo de DJ Mil, que presentará o seu proxecto Phonorama.

Ademais, están previstas varias festas para que toda a familia poida celebrar por adiantado o Fin de Ano. O 28 de decembro, o Teatro Principal acollerá unha festa específica para nenas e nenos de entre 18 meses e tres anos. O mesmo día, o Centro Cívico "Aurelio Aguirre" de Conxo acollerá a Festa Pequena de Fin de Ano, e o Centro Cívico "José Saramago" de Vite celebrará a chegada do novo ano con Dj Guille. Ademais, o Centro Cívico de Santa Marta será escenario doutra gran festa familiar, con merenda compartida, o sábado 29 de decembro.

Actividades musicais
Entre as propostas musicais incluídas na programación, o alcalde salientou "a aposta pola recuperación da tradición dos cantos de Nadal e de Reis". Nesa liña, celebrarase unha nova entrega do ciclo As Raíces na Pedra, coa participación das catro agrupacións tradicionais máis carismáticas de Santiago: Brincadeira, Ultreia, Cantigas e Agarimos e Colexiata de Sar. Haberá actuacións os días 23, 28, 29 e 30 de decembro no Centro Cívico de Santa Marta, no Teatro Principal e na praza do Toural. Ademais, nos primeiros días de xaneiro, o Concello organiza un programa de Cantos de Taberna en colaboración cos Muiñeiros do Sarela, que se desenvolverá na rede de centros cívicos. Serán obradoiros de canto e, ao remate, as persoas participantes percorrerán diversas tabernas de cada barrio para desfrutar da tradición popular.

Á marxe da música popular, na programación de Nadal terán protagonismo a Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago. A primeira das formacións ofrecerá nos próximos días dúas actuacións no Auditorio, o concerto Música nas illas, o xoves 13; e o concerto de Nadal, o xoves 20; e unha terceira actuación no Teatro Principal: o concerto de Reis, o venres 4 de xaneiro. En canto á Banda Municipal, presentará o disco conmemorativo do seu 170 aniversario no Auditorio o próximo día 15 e ofrecerá un concerto especial de Reis o 6 de xaneiro no Teatro Principal. Por último, a Escola Municipal de Música celebrará o seu tradicional festival de Nadal o 21 de decembro, tamén no Principal.

Centros cívicos
A rede de centros cívicos tamén está a ofertar unha programación específica de Nadal, que se prolongará ata o cinco de xaneiro. Así, estanse a desenvolver diferentes obradoiros de temática relacionada coas festas, dende elaboración de adornos a panxoliñas, pasando pola confección de agasallos ou cociña propia destas datas. Este ano, a rede volve poñer en marcha o programa Agasallo Viaxeiro, xa consolidado no Nadal, que finalizará cunha gran festa no Centro Cívico do Romaño o 4 de xaneiro.

Os centros cívicos tamén acollerán ata dez espectáculos da Rede Cultural da Deputación da Coruña entre os días 14 e 28 de decembro. As actuacións serán nos centros de Sar, Fontiñas, Castiñeiriño, Ensache, Busto, O Eixo, Fontiñas e Vite, e abordarán diferentes disciplinas como teatro, contacontos, música infantil ou maxia.

Documentos relacionados



Compartir: