DEPORTE

Santa Isabel acolle a primeira fase do Campionato de España de seleccións autonómicas de fútbol femininas sub-15 e sub-17

12/12/2018 Do 14 ao 15 de decembro, o Campo Municipal de Santa Isabel albergará a primeira fase do Campionato de España de fútbol de seleccións autonómicas femininas, nas categorías sub-15 e sub-17. Participarán as selección de Galicia, Estremadura e Castela e León.

Nesta primeira fase súmanse os puntos conseguidos e arrástranse para unha segunda fase que se disputará en febreiro. As catro seleccións de cada categoría que logren o maior número de puntos sumando as dúas fases clasificaranse para a fase final.

Este campionato, organizado pola Federación Galega de Fútbol por delegación da Real Federación Española de Fútbol, reunirá en Santiago de Compostela a máis de 100 xogadoras, ás que hai que sumar os/as integrantes das diferentes delegacións, persoal de organización e familias.

O calendario de partidos arrinca o venres 14 cos enfrontamentos entre Estremadura e Galicia, con partidos ás 10:30 (sub-15) e 12:30 horas (sub-17). O sábado 15, no mesmo horario, competirán Castela e León e Estremadura, mentres que para o domingo 16 quedan os partidos entre Galicia e Castela e León, tamén no mesmo horario de mañá.

Compartir: