EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello de Santiago conmemora cos centros escolares o 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

07/12/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou hoxe a actividade que organiza o concello co gallo do 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, "o documento máis influínte do século XX e un código de desexos e aspiracións universais da Humanidade", tal e como o definiu o edil, quen lamentou que "estes dereitos non estean aínda asegurados para toda a poboación mundial".

Para conmemorar este aniversario, o Concello organiza un acto o vindeiro 10 de decembro no que representantes dos centros escolares de Compostela lerán publicamente os 30 artigos e o preámbulo de dita Declaración. Tal e como sinalou Manuel Dios "imos aportar, ademais deste acto, un cartaz e un folleto conmemorativo, que se suman a outras iniciativas de difusión públicas".

O acto, ao que asistirá o alcalde, Martiño Noriega, celebrarase no Teatro Principal de 11:00 a 12:00 horas. Participarán máis de 300 escolares dos CEIP Quiroga Palacios, López Ferreiro e Monte dos Postes, dos colexios Compañía de María e La Salle, e dos institutos Antón Fraguas e Rosalía de Castro.

Os alumnos e alumnas dos colexios e dos institutos estiveron a traballar sobre o texto nos seus centros educativos, axudados polo profesorado, co fin de reflexionar e entender a vixencia, transcendencia e grao de cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Na lectura estarán tamén presentes representantes municipais, asociacións de nais e pais, entidades da cidade, organizacións non gobernamentais e de cooperación, así como a poboación en xeral que se queira achegar. A Agrupación Musical do Instituto Rosalía de Castro porá a nota musical ao acto interpretando varias pezas.

Documentos relacionados



Compartir: