MOCIDADE

O Centro Xove da Almáciga acolle un concerto das bandas compostelás que participaron no obradoiro "Jam de Barrio"

05/12/2018 Chegan á súa fin os dous primeiros obradoiros de Jam de Barrio para a profesionalización das bandas emerxentes de Compostela, unha actividade elixida pola mocidade no proceso de Orzamentos Participativos deste 2018.

O xoves 13 de decembro, o Centro Xove da Almáciga acolle, a partir das 19:30 horas, un concerto de peche, onde as bandas serán contratadas a caché e poderán poñer en práctica gran parte do aprendido durante estes meses. Ademais, Rebezo e Soulwide compartirán cartel e escenario cunha terceira banda profesional, a Bakin' Blues Band, para logo tocar xuntos no final do mesmo evento nunha jam session (encontro e improvisación musical cuxa orixe vén da cultura afroamericana do blues) que dá nome e sentido a todo o que pretende Jam de Barrio.

A entrada é de balde e haberá pinchos e bebida tamén de balde para celebrar xuntos o enorme potencial da escena musical de Compostela.

Dúas bandas locais
Neste obradoiro de profesionalización participaron as bandas locais Rabezo e Soulwide, que grazas a esta actividade puideron, durante tres meses, dar un paso máis cara a súa profesionalización no sector musical. Cada un destes dous obradoiros foi coordinado por un músico profesional da escena galega, Xabier Mera e Olivier Cano, os cales lideraron semanalmente as sesións de traballo con cada banda e acompañaron todo o proceso de aprendizaxe.

Tanto a banda Rebezo (folk inclasificable) como Soulwide (rock-blues) están sendo acompañados puntualmente dende outubro por seis especialistas en arranxos musicais, en música rock, folk, blues, así como expertos en gravación en estudio, loxística de son e en distribución musical. Deste xeito, profesionais recoñecidos do sector musical como Guille Fernández (De Vacas, Berrogüetto); Alberto Cereijo (N.E.O, Los Suaves) ou Patricia Hermida (manager de Agoraphobia), aportaron a súa experiencia e acompañamento aos membros das bandas.

A maiores, durante todo decembro, as dúas bandas estarán na gravación e produción de cadansúa maqueta, outro dos obxectivos finais de Jam de Barrio, unha actividade que ten clara vocación de continuidade e aspira a converterse nun referente formativo e profesional para a escena musical de Santiago e de Galicia.

Compartir: