ALCALDÍA

Asinados os convenios para a posta en marcha da ludoteca "María Miramontes" e a compra do Legado Maside

05/12/2018 O alcalde, Martiño Noriega, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, asinaron hoxe tres convenios de colaboración que supoñen unha achega do organismo provincial de máis de medio millón de euros para temas de especial importancia para a cidade: a posta en marcha do Centro Educativo e de Lecer "María Miramontes", a adquisición do legado Maside para a súa exposición permanente e a actividade cultural do Auditorio de Galicia.

O Centro Educativo e de Lecer "María Miramontes" das Fontiñas poderá abrir as súas portas neste mes de decembro, grazas ao convenio asinado polo Concello e a Deputación. O espazo está pensado para nenos e nenas de 2 a 12 anos, e empezará a súa actividade ordinaria á volta do Nadal. En virtude do convenio asinado hoxe, a Deputación achegará algo máis de 83.000 euros dos case 145.000 euros que se destinarán á posta en marcha do centro.

Co nome dunha muller de referencia no galeguismo e membro das Irmandades da Fala, a nova ludoteca de Fontiñas porá en marcha un programa piloto para a implantación dun servizo de atención á infancia con espazos acondicionados para o xogo, animación á lectura, promoción do libro e distintas propostas para unha conciliación lúdica e formativa. O equipamento ofrecerá outros servizos, coma un punto de información ás familias sobre o mundo do xogo, tamén os tecnolóxicos. Reservará tamén 73 prazas, os venres de 10:30 horas a 13:30 horas, para que os nenos e nenas escolarizados en centros escolares de fóra do Concello de Santiago poidan asistir á realización de actividades programadas no Centro, no horario escolar.

O alcalde, Martiño Noriega, expresou a súa satisfacción pola apertura do centro "12 anos despois da súa construción, e grazas ao intenso traballo que veñen realizando o Concello, en especial o concelleiro Manuel Dios, e a Deputación da Coruña nos últimos meses". Na mesma liña, a vicepresidenta da Deputación recoñeceu que a ludoteca era "unha débeda histórica para a cidade nun barrio que conta con numerosa poboación infantil e que, de maneira especial, vai servir para a conciliación laboral e familiar".

O legado de Carlos Maside, patrimonio público
Na mesma sesión, o alcalde, en calidade de presidente do Consorcio, asinou coa vicepresidenta da Deputación o convenio para o financiamento da adquisición do legado Maside e a súa exposición en Santiago. Neste caso, o organismo provincial achega 215.000 euros para a compra da colección de Carlos Maside, valorada en máis de 430.000 euros. Conséguese, desta maneira, manter a unidade da colección, composta por 21 obras.

Martiño Noriega sinalou a boa noticia da "recuperación e salvagarda do legado de Carlos Maside, unha reivindicación dunha plataforma da cidade, que vai poder ficar na capital do país. Damos así unha resposta ao longo traballo feito man a man coa vicepresidenta da Deputación para garantir que este legado quede na capital e en custodia pública para o que hai que recoñecer tamén a colaboración do Consorcio, no que participan a Xunta e o Goberno central".

Pola súa banda, Goretti Sanmartín, destacou que "con este convenio garántase que se conserve en Compostela e se expoña permanentemente ao público este importante conxunto de obras de Carlos Maside, que constitúe unha mostra da traxectoria dun dos máis relevantes artistas do século XX, renovador da pintura galega e unha figura de incuestionábel influencia na intelectualidade do seu tempo e nas xeracións de artistas que tiveron nel unha referencia indispensable". Inicialmente, o legado de Maside estará exposto nun espazo de Fonseca propiedade na Universidade de Santiago, que ten o seu acceso polo Xardín das Pedras que Falan

Máis de 200.000 euros para actividades culturais
Por último, Martiño Noriega e Goretti Sanmartín asinaron o convenio de actividades polo que a Deputación achega 208.000 euros para financiar actividades culturais do Auditorio de Galicia, orzadas en algo máis de 260.000 euros.

Entre outras actividades, o convenio inclúe a colaboración para iniciativas musicais como o programa de abono, o Ciclo de Piano Ángel Brage, o programa "De lugares e órganos", o Ciclo de Lied, as Xornadas de Música Contemporánea, a Gala Ari(t)mar, ou o Festival Wos. Ademais, inclúe outras programas de especial relevancia na actividade cultural de Santiago como a Semana do Patrimonio Invisible, as Xornadas de Ilustración Urbana ou as exposicións da Zona C.

Compartir: