DEPORTE

O polideportivo das Fontiñas acolle a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado

04/12/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou hoxe, acompañada da secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, Susana García, as actividades que organiza o Concello co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora todos os 3 de decembro.

Segundo explicou Noa Morales, desenvolveranse dúas accións fundamentais, unha das cales é unha xornada fomento do deporte adaptado entre escolares. Celebrarase o mércores 5 de decembro no polideportivo das Fontiñas a partir das 12:00 horas, coa participación dos alumnos e alumnas do IES Antonio Fraguas e xogadores do club de baloncesto en cadeira de rodas Abeconsa Basketmi de Ferrol, que milita na Primeira División. A actividade estenderase ata as 14:00 horas en dous grupos dunha hora. Os xogadores explicarán que é o baloncesto en cadeira de rodas, así como as súas particularidades e diferenzas co baloncesto non adaptado, contestando as preguntas que os escolares queiran realizar.

Os alumnos e alumnas terán oportunidade de sentarse nunha cadeira e poder xogar a este deporte que, "lembro, foi un dos elixidos como disciplina na primeira edición da festa do deporte e asegúrovos, por experiencia, que non é nada sinxelo", indicou a concelleira.

Dúas finais
A segunda actividade organizada é a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado 2018, a celebrar o propio mércores 5 de decembro, a partir das 16:30 horas, tamén no pavillón das Fontiñas.

Xogaranse dúas finais para competición intelectual e un partido final na categoría de baloncesto en cadeira de rodas. Na competición feminina e masculina de persoas con discapacidade intelectual participan os dous equipos clasificados en primeiro e segundo lugar na Liga de Baloncesto da categoría Competición: Esclavas de Mos e San Xerónimo Emiliani de A Guarda (feminino), que se enfrontarán ás 17:00 horas, e Asdan de Vigo e San Rafael de Vigo (masculino), que xogarán a partir das 18:15 horas.

Na competición de baloncesto en cadeira de rodas participan os dous representantes galegos na competición a nivel Estado, que son o Iberconsa Amfiv de Vigo (División de Honor) e o Abeconsa Basketmi de Ferrol (1º División) cun partido que xogarán a partir das 20:15 horas. Ao remate realizarase a entrega de premios.

Compartir: