ACCIÓN CULTURAL

Músicos/as de bandas profesionais de toda España xúntanse nun concerto único

03/12/2018 O Auditorio de Galicia acolle mañá martes o V Concerto "A Toda Banda", que unirá a noventa músicos de diferentes bandas profesionais de toda España nunha gran Banda Sinfónica que estará dirixida por Casiano Mouriño, Luis Cobos e Rafael Sanz-Espert. A actuación servirá para poñerlle o broche de ouro ao IV Congreso de AMProBand, que se celebra hoxe e mañá en Santiago.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou o V Concerto "A Toda Banda", nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente de AMProBand, David Moltó, e por dous dos tres directores que collerán a batuta no concerto: Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Música de Santiago, e o mestre Luis Cobos. A concelleira mostrou a súa satisfacción por acoller no Auditorio este concerto, que "é unha homenaxe ás bandas de música que crean as paisaxes sonoras das nosas cidades, e que permitirá mostrar no Auditorio a gran calidade dos profesionais que forman parte delas". Branca Novoneyra lembrou que esta cita "se produce mentres a Banda Municipal de Música de Santiago segue a conmemorar o seu 170 aniversario, motivo que tamén levou a AMProBand a elixir a nosa cidade como sede para o seu Congreso Nacional".

Concerto
O V Concerto "A Toda Banda" celebrarase no Auditorio de Galicia mañá martes, a partir das 19:30 horas. Casiano Mouriño, Luis Cobos e Rafael Sanz-Espert encargaranse de dirixir a 90 músicos e músicas das 27 bandas profesionais de España. A gran Banda Sinfónica resultante desta unión terá como artistas invitados a Pepe Sánchez, José Manuel López "Josele", Antonio Cambres e Miguel Ángel Egido.

O concerto está formulado como un acto de recoñecemento ás bandas de música, e o repertorio elixido procura mostrar a vixencia destas formacións e a gran calidade dos seus integrantes. O recital comezará, ademais, cunha estrea mundial da peza "A Curuxa", de Javier Ces. Tamén se escoitarán obras de José Pablo Moncayo, Luis Cobos, Pepe Sánchez e Chick Corea, entre outros.

Luis Cobos asegurou que "este concerto vai ser como ver ao dream team das bandas de España, porque as formacións sempre elixen os seus mellores integrantes para exercer de embaixadores neste evento". O director tamén aproveitou para reivindicar o papel das bandas de música, que "teñen que ser promocionadas como elemento de cohesión e conexión social, que son o berce de grandes profesionais e que exercen coa música o mesmo labor que as pinacotecas coa pintura ou as bibliotecas coa literatura".

Congreso de AMProBand
A Asociación de Profesores Músicos de Bandas Profesionais, AMProband, elixiu Compostela para a celebración do seu IV Congreso Nacional por mor da conmemoración do 170 aniversario da Banda Municipal de Música de Santiago. Ao abeiro deste foro, nestes días celebrouse no Auditorio a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación, así como diferentes relatorios relacionados coa profesión. Nesta edición do Congreso atendeuse especialmente aos problemas de saúde, tanto física como emocional, relacionados co exercicio da música de maneira profesional.

O presidente de AMProBand, David Moltó, lembrou que a Asociación "ten como obxectivo impulsar as bandas de música e poñer en valor o seu papel como difusoras de todos os xéneros musicais e da cultura en xeral". Ademais, afirmou que "a Banda de Santiago é todo un referente, nun Estado que é primeira potencia mundial en canto a número de bandas profesionais civís, cun total de 27".

Compartir: