ACCIÓN CULTURAL

Florian Henckel álzase por segunda vez co Premio do Público de Cineuropa

29/11/2018 Florian Henckel gañou o premio do público e unha das ovacións máis prolongadas do festival con A vida dos outros en 2006. Doce anos tiveron que pasar para o seu agardado regreso con outro drama en tempos de fronteiras e coa arte como mecanismo de guión que representa esa pugna entre a liberdade e a opresión, entre a memoria e o soterramento. Con todo, o público de Cineuropa volveu recoñecer o bo facer do cineasta outorgándolle a Obra sen autor a mellor puntuación dos filmes que conforman a Sección Oficial Europea en cada un dos seus tres pases cun 8,55 o domingo, un 8,44 no pase do martes, e un 8,86 na súa última exhibición.

Mais o de Henckel non foi o único galardón desta 32ª edición do Festival. O concelleiro de Educación, Manuel Dios Diz, entregou o Premio Dereitos Humanos ao filme Last men in Aleppo, do cineasta sirio Feras Fayyad, un necesario documental que pon sobre a mesa o dilema ao que se enfrontan cada día os Cascos Brancos e os máis de 350.000 habitantes de Alepo: abandonar o país coas súas familias e buscar refuxio ou quedar e loitar ata o final para defender a súa cidade.

O segundo Xurado Novo de Cineuropa —do que José Luis Losa, director do certame, salientou a súa bravura e bo facer— outorgou os Premios do Xurado Novo de seis categorías. Aldara Pagán, Ángel López Rivas, Antía Díaz López, Laura Sixto, Gonzalo Rodríguez de Uña, Sara García Cabeza e Xoán Fernández Diz escolleron como mellor filme Longa viaxe do día cara á noite, de Bi Gan; e outorgáronlle o premio á mellor dirección a Claire Denis por High Life; mellor guión para Peter Strickland por In fabric; mellor interpretación feminina para Alina Nasibullina, protagonista de Cisne de cristal; e mellor interpretación masculina para Félix Maritaud por Sauvage. Alén destes premios, os sete mozos e mozas do Xurado Novo recoñeceron cunha mención especial a ópera prima de Alisa Berger, Os corpos dos astronautas.

Finalizou así a trixésimo segunda edición do Festival Cineuropa. Atrás quedaron 22 días de cine no que se exhibiron 307 filmes ante 21.255 asistentes en oito sedes compostelás, cunha media dunhas 1.000 persoas cada día. O Teatro Principal, o Salón Teatro, os Multicines Compostela, Numax, o Museo das Peregrinacións, a Sala Agustín Magán do Centro Cívico Santa Marta, a Sede Afundación e o Auditorio de Galicia acolleron do 7 ao 28 de novembro proxeccións, concertos, coloquios e mesas debate dunha edición que tivo como eixo temático a necesidade de xerar debate con todas aquelas películas que no seu momento supuxeron unha transgresión aos valores da moral ultraconservadora.

Premios Cineuropa e encontros
Aos recoñecementos outorgados polo público e o Xurado do Festival, cómpre sumar os Premios Cineuropa 2018, que distinguiron o labor e a filmografía de Isaki Lacuesta, Ángela Molina e Antonio Durán "Morris".

Entre as e os cineastas e actores que visitaron Cineuropa en 2018 e protagonizaron encontros co público cóntanse tamén Alisa Berger, Güldem Durmaz, Pedro Cruz, Queyi, Charlotte Serrand, Andrés Lübbert, Elías León Siminiani, Eugenio Canevari, Mariano Llinás, Hernán Zin (acompañado da actriz e produtora galega Nerea Barros), Lucía Palacios e Dietmar Post; alén dos galegos Domingo Díaz, Rafa de los Arcos, María Ruido, Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén, David Hernández, Ángel Cordero, Xacio Baño, Pablo Váquez, Denis Carballás, Ana Domínguez, Antón Corbal e Ángel Filgueira.

Moito máis que cinema
En total foron 307 as películas programadas na 32ª edición de Cineuropa integradas na Sección Oficial Europea, Sección Oficial Internacional, Dereitos Humanos: a memoria é presente, O presente é muller, Cinefilias, 100 anos de cine romanés, Rafael Azcona en Italia, Fantastique Compostela, Cineuropa miúda, Cine e xadrez, Maratón, Cult movies, Escándalo: cinema sen lei nin mordazas, Panorama audiovisual galego, LatidoAmericano, Docs Cineuropa, Lembranzas de Lanzmann, Foco Kôji Wakamatsu e Foco Eloy de la Iglesia.

Diferentes actividades engrosaron o programa desta 32ª edición de Cineuropa. Entre elas cómpre salientar a sesión na que a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Helmut Imig, musicou en directo ese clásico do cinema expresionista que é á película muda O gabinete do doutor Caligari, de Robert Wiene.

Tamén estreitando fronteiras entre o ámbito musical e o cinematográfico, estivo a improvisación en vivo da pianista de orixe romanés Mihaela Duma, que acompañou musicalmente a proxección de Independenţa României (A guerra da independencia, 1912), filme de Aristide Demetriade e Grigore Brezeanu que conmemorou en 1912 o 35º aniversario da soberanía nacional romanesa, e que abriu o día 16 de novembro a retrospectiva dos 100 anos de cine romanés en Cineuropa. A este evento asistiu tamén María Pop, directora do Instituto Cultural Rumano en Madrid, institución que colaborou na programación desta sección.

Alén deste tipo de eventos, celebráronse varias mesas debate, como a titulada "Mulleres creadoras: a situación no audiovisual galego e as experiencias noutros escenarios", que acolleu o Museo das Peregrinacións o día 23 de novembro coa intención de analizar a evolución do sector cinematográfico e na que participaron Anxos Fazáns, María Ruido, Jaione Camborda, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez. Outra mesa debate que xerou gran interese foi a que convocou a Sidahmed Salec, Manuel Rivas, Maite Isla, Mohamed Zerga e Eloy Domínguez Serén ao redor do conflito no Sáhara Occidental a propósito da Preestrea galega de Hamada, de Eloy Domínguez.

Ao falar integración con outras iniciativas desenvoltas na cidade, é preciso mencionar tamén a colaboración coa asociación Hostalería Compostela no programa Santiago(é)Tapas e o apoio de Cineuropa á campaña En negro. contra as violencias, con proxeccións específicas sobre a violencia machista na xornada do 25 de novembro.

Compartir: