INFRAESTRUTURAS

Os veciños xa coñecen os plans municipais para a Rúa do Olvido

26/01/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou aos veciños das rúas Olvido, Pexego de Abaixo e Pexego de Arriba o anteproxecto de urbanización da praza do Olvido e o seu contorno. Grazas a esta actuación recuperarase para o uso público esta zona, cunha nova zona verde e unha praza na que desembocará a rúa do Olvido.

A intervención suporá un cambio notable para esta zona e permitirá integrala coas rúas colindantes. Achegará maior uso público, más luz e, en definitiva, unha mellora na imaxe do barrio. Ademais, contempla a construción dun aparcadoiro soterrado, que se pretende destinar preferentemente aos residentes. Terá tres plantas e unha capacidade para uns 160 vehículos. A xuízo do alcalde, esta actuación "permitirá mellorar enormemente a imaxe urbana da zona, conectala con Belvís e mellorar a calidade de vida dos veciños do contorno".

Este proxecto é posible grazas ao recente convenio polo que o Concello e Santiago Sur permutaron terreos. Así, quedou a disposición municipal dous predios, nas marxe leste da rúa do Olvido, cunha superficie total de 1.673 metros cadrados. Estas dúas pezas están clasificadas como solo urbano consolidado e cualificados polo Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica como viario público nunha parte, e como zona verde de titularidade pública na outra.

Unha vez que se leve a cabo este proxecto, e aberta xa a rúa de Sar, iniciarase tamén a terceira fase das reformas en Sar, que inclúe actuacións como a mellora da recollida de augas, a eliminación de muretes e peldaños, o tratamento peonil da zona ou a introdución de arborado e mobiliario urbano.

Compartir: