TURISMO

O Mercado da Estrela volve os días 14, 15 e 16 de decembro co programa de actividades máis amplo de todas as súas edicións

27/11/2018 A tenente de alcalde, María Rozas, deu conta esta mañá dunha nova edición do Mercado da Estrela, que se celebrará na nosa cidade os días 14, 15 e 16 de decembro. Na rolda estivo acompañada da directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías; a xerenta de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, a xerenta da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; o presidente da Cooperativa Paco & Lola, Carlos Carrión; o responsable de Bodegas Lodeiros, Pablo Lodeiros, e a directora de comunicación de Viaqua, Sonia Delpont.

Rozas explicou que este mercado "é un clásico na fin de semana previa ao Nadal na nosa cidade" e engadiu que "recibe visitantes de diversos puntos de Galicia". O Mercado da Estrela está coorganizado polo Concello de Santiago e Correveydile e recibe o apoio de diversos sectores da iniciativa privada. Ademais, o ano pasado achegáronse ata os espazos onde se desenvolveu o evento preto de 13.000 persoas, "o que amosa que tamén conta co respaldo da veciñanza", indicou a concelleira.

Este evento, que chega á súa sétima edición está xa consolidado como un festival urbano de referencia para descubrir a creatividade que está a xermolar en Galicia na actualidade. Un centenar de orixinais proxectos exporán e venderán as súas pezas e produtos nas cinco localizacións que acollerán á iniciativa os vindeiros 14, 15 e 16 de decembro e que continuará fiel ao seu lema "Agasalla talento galego" por sétimo ano consecutivo.

O Mercado da Estrela volverá así a converterse en faro da creatividade e das novas tendencias, dando luz ao traballo dun centenar de persoas creadoras, artesáns, artistas, produtoras e emprendedoras de Galicia que achegarán as súas coleccións co obxectivo de que se convertan nos agasallos escollidos polos Reis Magos este Nadal.

Diversas actividades paralelas
A entrada será gratuíta para os visitantes que se acheguen ao festival buscando gozar dunha fin de semana de compras, brindes, reencontros e moita música.

Complementarán o atractivo programa para 2018 diversas actividades en prol da sustentabilidade, unha zona solidaria e múltiples actividades e sorpresas de balde para públicos de todas as idades. Na súa sétima edición, o Mercado da Estrela conta co impulso da Dirección Xeral de Comercio e Consumo apoiando a marca Artesanía de Galicia, Santiago de Compostela Turismo, Estrella Galicia, Gadis, Paco & Lola, Lau Creaciones, Viaqua e Bodegas Lodeiros, e conta coa colaboración do Museo do Pobo Galego, Ecoembes, Finsa e Coca-Cola

O horario do Mercado da Estrela será de 19:00 h en adiante o venres 14 de decembro con música e gastronomía na Cantina Gourmet e na Zona Foodtruck, e de 11:00 h ata a madrugada o resto da fin de semana. Na Feira Creativa, os horarios de apertura serán de 11:00 a 21:00 h o sábado 15 e o domingo 16.

Direcciones relacionadas



Compartir: