COMERCIO

Confecciones Riande recibe a homenaxe do Concello e de Acotés

26/01/2007 Con motivo do XX aniversario da agrupación de comerciantes Acotés, e coa colaboración do Concello, creouse unha placa para identificar aos seus asociados. A primeira instalouse no local de Confecciones Riande, un dos negocios máis antigos de Santiago, e o primeiro que houbo na praza do Toural.

"Confecciones Riande" naceu en 1922, cando o avó do actual propietario da tenda, Jorge Riande, volveu de Bos Aires. Na capital da Arxentina traballara nos Almacenes Harrods, polo que xa tiña experiencia no xénero textil. Así que, ao chegar a Santiago, decidiu emprender un negocio collendo a tenda de Antonio Pérez, fillo adoptivo de Pérez Lujín (Casa de la Troya). Daquela a tenda chamábase "El buen gusto", e foi a primeira tenda de moda confeccionada, xa que daquela época só se vendían tecidos. Confecciones Riande vendeulle roupa a Valle-Inclán, tirantes a Torrente Ballester e a Laxeiro, e gabardinas a Antón Fraguas.

A actividade comercial é un dos sectores fundamentais da economía compostelá. No ano 2006 radicábanse en Santiago de Compostela 2.611 establecementos comerciais. O Concello promove diversos programas de acción para favorecer o desenvolvemento dunha estrutura comercial innovadora e, en colaboración coas asociacións comerciais da cidade, estimula a actividade mercantil na cidade coa difusión de novas fórmulas comerciais e a promoción de Compostela como punto de compras na fachada atlántica da Península.

Compartir: